Noticias

O I Encontro Nacional de Políticas Públicas pecha coa denuncia unánime da desigualdade e a reivindicación de situar no centro a axenda feminista

Rosa Cobo: "Precisamos de forma imperiosa de espazos feministas como este para poder ter conciencia crítica feminista que é fundamental para sobrevivir e alongarse no tempo"


15 outubro 2021
Peche xornada

"Ímonos a casa cunha clara diagnose das políticas públicas de igualdade con reflexións tan profundas que nos permiten ter un mapa sobre cales son algunhas das nosas conquistas pero tamén os déficit das políticas feitas. Ten sido enormemente enriquecedor, foi un marabilloso día e medio para beber unhas das outras". Con esta conclusión, Rosa Cobo, a coordinadora do I Encontro Nacional de Políticas Públicas, pechou hoxe no Castelo de Soutomaior as xornadas da Escola María Vinyals, na que máis dun centenar de mulleres debateron os retos pendentes do feminismo. Cobo agradeceu á Deputación e á presidenta Carmela Silva "abrir un espazo feminista do que as mulleres temos unha necesidade imperiosa para poder ter conciencia crítica feminista o que é fundamental para sobrevivir e alongarse no tempo". A referente feminista e profesora da Universidade de A Coruña rematou cun desexo. "Non poñamos o foco nos conflitos que existen pero que nos separan. Poñamos o foco nas converxencias, no que nos une, na sororidade, nas alianzas políticas, nos pactos, nas estratexias comúns para poder seguir adiante e agrandar así os espazos de igualdade e liberdade das mulleres".

A igualdade no sistema xudicial

A necesidade de que a perspectiva de xénero chega ao mundo da xustiza centrou a primeira mesa da xornada. A catedrática de Dereito Constitucional da Universidade de Málaga e integrante do Tribunal Constitucional, María Luisa Balaguer, subliñou a necesidade de que o feminismo desenvolva "unha teoría solvente e práctica porque observo unha reacción tremenda do patriarcado cada vez que a muller acada algún avance". Tamén remarcou que as políticas para "nomear mulleres en determinados órganos da xustiza é unha política de establecemento de dificultades". "O movemento feminista pasa polas persoas que estamos en postos de responsabilidade: precisamos establecer estratexias para facer un curtocircuíto a determinadas posturas reaccionarias".

A directora do Instituto Balear da Muller, María Durán, fixo fincapé na necesidade de "impulsar un cambio na xustiza: que o poder lexislativo lexisle con perspectiva de xénero e que a xudicatura aplique a perspectiva de xénero" xa que se dan  "estereotipos de xénero, leis discriminatorias, e requisitos en materia probatoria. Hai unha falta de accesibilidade á xustiza, subxectividade por parte das persoas intérpretes e unha tendencia da xudicatura a lexislar en vez de interpretar a lei".

Pola súa banda, Paz Filgueira, maxistrada especialista en violencia de xénero, fixo fincapé na formación obrigatoria con perspectiva de xénero, "imprescindible para franquear os prexuízos e estereotipos en todos os estamentos da xustiza" e "na integración da igualdade e na promoción dunha xustiza con perspectiva de xénero como principio transversal".  Para a maxistrada hai un "fallo sistémico" na xustiza. "Estamos avanzando –asegurou Filgueira- , todo o que conseguimos é un trunfo do activismo feminista, pero aínda queda moito, hai limbos xa que falta formación, perspectiva, desde abaixo, pero tamén faltan medios".

O movemento feminista

As "Propostas de Políticas de Igualdade do Movemento Feminista" foron o centro temático da última das mesas do Encontro, moderada pola xornalista Nieves D. Amil (La Voz de Galicia). Nela, as relatoras incidiron en que os retos pasan por cuestións como reivindicar como prioritaria unha lei de abolición que non só garanta a recuperación integral das mulleres senón que vaia meter no Código Penal o proxenetismo e as actividades económicas que colaboran".

Lidia Fernández, doutora en Estudos Interdisciplinares de Xénero, partiu dos datos sobre desigualdade actuais, agravados pola pandemia, con especial referencia á brecha salarial ou a que incorporación das mulleres ás carreiras STEM, así como os graves datos de violencia contra as mulleres. Enumerou as reivindicacións do movemento, que pasan por unha lei de abolición da prostitución, e "que a violencia contra as mulleres sexa unha prioridade política para os gobernos e sexa unha cuestión de Estado, porque o Pacto de Estado foi de mínimos e non se está a cumprir".

Para a activista feminista Lupe Ces, "o sistema prostitucional e pornográfico están a ser os grandes ventiladores que esparexen enerxía violenta contra as mulleres". "As feministas sentímonos frustradas porque os nosos discursos fan auga e vemos que os discursos misóxinos reprodúcense nas xeracións máis novas". Tamén amosou a necesidade de que o movemento feminista, que foi quen de incorporar mulleres nas institucións "para conseguir políticas transformadoras",  poña o foco na prostitución e na pornografía: "É a hora de situar isto".

Pola súa banda, Concha García Vázquez, voceira da Plataforma do Feminismo Radical de Galicia, fixo fincapé en que neste intre "o feminismo vive o abrazo da morte, no que por un lado estamos rodeadas por unha ultradereita que quere recuperar posicións xa superadas e retroceder en dereitos que xa acadamos e, por outra banda, temos unha franxa na esquerda que perdeu o seu espazo polo que decidiron facer bandeira de colectivos minoritarios aínda que implique opoñerse dereitos consolidados das maiorías, as mulleres". "A Axenda  feminista ten o obxectivo loitar contra a opresión patriarcal e esperamos avanzar en liña recta pero entra auga polos costados".

Finalmente Marta Cárdaba, do V Forum de Política Feminista coincidiu na denuncia do sistema prostitucional, dos ventres de alugueiro e puxo o aceno na situación que viven millóns de mulleres pobres que están a sufrir a criminalización do aborto, "poñendo en perigo a súa saúde e a súas vidas". Denunciou aos gobernos que permiten esta situación e "ao patriarcado que segue querendo controlar os nosos corpos. Reducen ás mulleres á esfera reprodutiva".