Noticias

O Goberno de Carmela Silva pecha o Plan Concellos na Estrada cunha última achega de 240.000 euros para levar a cabo tres novas zonas recreativas na alameda

A presidenta destacou o importante financiamento que este ano supuxo o Plan provincial para A Estrada, "máis de dous millóns e medio de euros, un 73,10 % máis que en 2017"


17 novembro 2018
Plan Concellos 2018-2019

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres unha nova achega para o Concello da Estrada, por un importe total de 239.999,99 euros. Con esta actuación o municipio pontevedrés pecha o Plan Concellos deste ano, ao través do cal o Goberno provincial destinoulle 2.708.685,18 euros, un 73, 10 % máis que en 2017.

Con este último investimento o Concello da Estrada poderá financiar a construción de tres espazos destinados a usos recreativos na Alameda da localidade. En concreto, estes espazos serán unha zona infantil con 11 elementos de xogo e pavimento protector anticaídas; unha zona multideportiva con porterías e canastras e con posibilidade de convertela nunha pista de patinaxe, e unha área xuvenil na que se colocará unha tiroliña de 30 metros, unha pirámide dobre de redes trepables e dous cargadores de móbil solar con conexión wifi premium.

Este ano, ao través da liña 1 do Plan Concellos, A Estrada tamén contou co financiamento da substitución do pavimento e mellora en Manuel Regueiro, por importe de 199.999,99 euros; da mellora de camiños rurais, por 656.999,99 euros; da pavimentación de viarios urbanos, por 360.000 euros, e do arranxo de fontes no rural, por 87.463,16 euros.

Ademais, a Deputación de Pontevedra adxudicou 145.160,00 € no que corresponde á liña 2 e tamén outros 350.662,23 €, dentro da liña 3 de Emprego, que foron destinados á financiación da contratación de 33 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello.

Este ano a Deputación de Pontevedra puxo a disposición da Estrada, a través do Plan Concellos, un total de 2.708.685,18 euros, un 73,10 % máis que en 2017.