Noticias

O Goberno de Carmela Silva aproba este venres unha achega de máis de 1,1 millóns de euros do Plan Concellos 2019 para A Estrada

Este investimento da Deputación de Pontevedra servirá para financiar a pavimentación de 43 vieiros e camiños rurais


15 xaneiro 2019
Plan Concellos 2019

O deputado provincial de Cooperación, Carlos Font, informou hoxe da aprobación este próximo venres pola Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra do primeiro investimento para A Estrada con cargo á liña 1 do Plan Concellos 2019. En concreto, serán 1.126.999,99 euros cos que a vila de Tabeirós-Terra de Montes poderá financiar a pavimentación de camiños rurais. No ano 2019 a institución provincial pon a disposición da Estrada ao través do Plan Concellos un total de 1.648.496,67 euros, un 4,26 % máis que no 2018.

Máis polo miúdo, a actuación contempla a pavimentación de 43 vías rurais no concello que, en total, suman 27 quilómetros. Ademais, elevaranse aquelas tapas de arquetas e pozos, así como de reixas que se atopen nas vías a pavimentar. Tamén cabe destacar que entre os traballos realizados están a limpeza de cunetas, o varrido superficial de firmes existentes, a execución da nova capa de rodaxe, o realce de pozos e arquetas e a construción dun pequeno muro de contención.

Ademais das achegas correspondentes á liña 1, que ascenden este ano a 1.127.568,60, o concello da Estrada tamén ten á súa disposición polo Plan Concellos 2019 un total de 151.069,14 euros na liña 2 de Amortizacións e débedas. Así mesmo, outros 369.858,93 euros da liña 3 de Emprego.

Neste novo ano 2019, no total da provincia, a Deputación de Pontevedra pon a disposición dos 59 municipios ao través do Plan Concellos case 43 millóns e medio de euros, o que supón un 3,3 % máis que no exercicio do 2018.