Noticias

O Goberno de Carmela Silva financia en Meaño con máis de 205.000 euros un itinerario peonil ata a igrexa de Simes e a pavimentación de vieiros de acceso

Trátase dun investimento do Plan Concellos 2019, ao través do cal a Deputación pon á disposición da vila un total de 515.205,28 euros, un 3,11 % máis que no 2018


19 febreiro 2019
Plan Concellos

O deputado de Cooperación, Carlos Font, informou hoxe da aprobación, o próximo venres pola Xunta de Goberno, dun novo investimento para Meaño con cargo á Liña 1 do Plan Concellos 2019. En concreto, serán 205.293,74 euros cos que o Concello poderá financiar a mellora e pavimentación dos vieiros de acceso á igrexa de Simes, así como a creación dun itinerario dende a estrada ata o atrio. Este ano a institución provincial pon a disposición de Meaño ao través do plan un total de 515.205,28 euros, un 3,11 % máis que no 2018.

Máis polo miúdo, esta actuación consistirá na creación dun itinerario peonil de acceso á igrexa de Simes desde a estrada coa instalación dunha rampla e a colocación dun pasamáns. Tamén, a modificación da pavimentación dos vieiros máis próximos, adaptando e mellorando a estética do entorno e aproveitando para mellorar as infraestruturas existentes. Así mesmo, aumentarase a anchura da parte dun vieiro para permitir o paso de vehículos de servizos.

Ademais das achegas correspondentes á Liña 1, que son este ano de 356.412,36 euros, o Concello de Meaño tamén ten á súa disposición polo Plan Concellos 2019 un total de 46.049,95 euros na Liña 2 de amortizacións e débedas. Así mesmo, outros 112.742,97 euros da Liña 3 de Emprego cos que a Deputación financia a contratación de 15 traballadoras e traballadores para o concello.

Neste novo ano 2019, no total da provincia, a Deputación de Pontevedra pon á disposición dos 59 municipios ao través do Plan Concellos case 43 millóns e medio de euros, o que supón un 3,3 % máis que no exercicio anterior.