Noticias

Meaño embelece o contorno da igrexa románica de Simes cunha "alfombra de pedra" que pon en valor o patrimonio e mellora a accesibilidade

O deputado Santos Héctor destacou que é "unha obra espectacular" na que a Deputación de Pontevedra inviste máis de 263.000 euros a través do Plan Concellos


29 abril 2021
igrexa románica de Simes

O Concello de Meaño urbanizou o contorno da igrexa de Simes cun investimento de 263.073 euros financiado polo Plan Concellos da Deputación. As obras dotaron o espazo dun pavimento formado por unha "alfombra de pedra" que embelece a zona, poñendo en valor o patrimonio, e mellora a accesibilidade e os servizos para a veciñanza e as persoas que visitan este enclave do románico galego. O deputado de Cooperación Municipal, Santos Héctor, e o deputado Manuel González, xunto ao alcalde, Carlos Viéitez, comprobaron os resultados.

"É unha actuación impresionante, unha obra espectacular, que realmente dignifica unha parroquia, na que, ademais da igrexa, hai construcións tradicionais e etnográficas moi importantes", declarou Santos Héctor. O deputado fixo fincapé no feito de que con esta actuación "a veciñanza de Meaño vai gozar de mellor calidade de vida e os e as visitantes darán fe de que o patrimonio está tratado, por fin, como se merece". Finalmente, resaltou a relevancia patrimonial e urbanística dunha obra na que a Deputación inviste un volume importante de recursos.

O alcalde de Meaño recoñeceu o valor da colaboración institucional por parte da Deputación: "quero facer unha mención ao Plan Concellos, que é unha ferramenta útil para este tipo de actuacións". Explicou, con satisfacción polos resultados acadados, que as veciñas e veciños "poderán comprobar que se fixo unha humanización á vez que se mellorou a seguridade viaria e o tráfico rodado".

A transformación do contorno da igrexa de Simes abrangue cinco vías de titularidade municipal cun pavimento de calidade en consonancia co ámbito histórico-artístico e no que se combinan lousas de granito, lastros e formigón con seixos. Actuouse nas vías denominadas pista da Igrexa, camiño da Igrexa, camiño interior e A Igrexa, así como na pista a Pazos e no camiño da Lagoíña. Ademais da pavimentación para remarcar o carácter patrimonial e para garantir a accesibilidade peonil, procedeuse tamén á corrección de dous estreitamentos, permitindo o paso de vehículos de emerxencias que antes tiñan moitas dificultades para chegar ás vivendas circundantes. Para elo foi preciso construír unha soleira de formigón antes de proceder ao recuamento dalgúns peches das propiedades.

Finalmente, a transformación do contorno incluíu a substitución completa da rede de augas pluviais, que estaba en mal estado, e instaláronse novos farois, dotados de tecnoloxía led, en lugar dos vellos postes de cemento. Ademais disto, soterrouse o cablaxe das redes de iluminación, eléctrica e de telefonía. Todo iso, como destacou Santos Héctor, contribúe a mellorar o medio ambiente e a eliminar o impacto visual.

A Deputación fixo posible que o Concello de Meaño teña recibido desde 2015 máis de 4 millóns de euros, dos que boa parte corresponden ao Plan Concellos. O municipio do Salnés destinou a maior parte destes investimentos á mellora de camiños, á adquisición de terreos para a creación de aparcadoiros e á reconstrución das fachadas e cuberta do pavillón deportivo de Xil. Ademais, a contribución da institución provincial permitiulle contratar a máis de 100 persoas desempregadas para a prestación de servizos municipais. Este ano o concello dispón de 520.000 euros regrados para novas actuacións coas que mellorar a calidade de vida da veciñanza.