Noticias

O Goberno de Carmela Silva destina máis de medio millón de euros do Plan Concellos a outros tres concellos para a contratación de 86 persoas

Baiona, Bueu e O Grove son as vilas que se van beneficiar destas novas achegas da liña 3 do Plan Concellos 2018


07 abril 2018
Plan concellos 2018 da Deputación de Pontevedra

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a décima relación de concellos que se van beneficiar das achegas da liña 3, para o fomento do emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais, do Plan Concellos 2018. Así, Baiona, Bueu e O Grove son as vilas que van recibir 553.560,89 euros para a contratación de 86 persoas.

Máis polo miúdo, ao Concello de Baiona a Deputación de Pontevedra destinará 208.237,36 euros para a contratación de 38 persoas traballadoras relacionadas coa limpeza, a xardinería, a construción, a cantería, a condución e o turismo.

A Bueu, a Deputación de Pontevedra achega 164.831,78 euros para contratar 27 persoas que realizarán tarefas relacionadas coa xardinería, administración, animación, carpintería, traballos forestais e limpeza.

Por último, a Deputación de Pontevedra destinará ao Grove 180.401,75 euros para contratar 21 traballadoras e traballadores para obras públicas, carpintería, traballos forestais, xardinería, administración, condución e turismo.

Este ano, a liña 3 do  Plan Concellos está dotada de 9.540.000 euros, un 2,5 % máis que no 2017. Con estas achegas aos concellos de Baiona, Bueu e O Grove, xa está concedido o 86 % da liña 3, beneficiando a 53 concellos da provincia e empregando a preto de 971 persoas.