Noticias

O Goberno de Carmela Silva aproba unha achega de máis de 60.000 euros a Salvaterra de Miño ao abeiro do Plan Concellos 2018

Salvaterra de Miño, que dedicará os cartos a acondicionamento dun sendeiro á beira do Miño, ten este ano a súa disposición 1.254.380,11 euros, un 74,54 % máis que no 2017


27 abril 2018
'Plan Concellos 2018' da Deputación de Pontevedra

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha nova achega para Salvaterra de Miño. En concreto, Carmela Silva sinalou que "Salvaterra recibirá 60.271,50 € para acondicionar o sendeiro polo Miño que une as parroquias de Arantei e Porto".

Estes máis de 60.000 euros que recibe Salvaterra de Miño, correspondentes á liña 1 de Investimentos, súmanse aos 165.010,80 euros cos que contratou a 22 traballadoras e traballadores ao abeiro da liña 3 de Emprego. A presidenta da Deputación de Pontevedra apuntou que "con estas dúas achegas xa recibiu 225.282,3 euros do 1.254.380,11 euros que ten a súa disposición neste 2018, un 74,54 % máis que no 2017".

Este ano a Deputación pon a disposición dos concellos da provincia, no marco da liña 1 do Plan Concellos, case 60 millóns de euros, distribuídos entre 28.501.200 € do Plan 2018 e o adianto de 30 millóns de euros da liña 1 do Plan 2019.