Noticias

O Goberno de Carmela Silva aproba novas achegas por valor de preto de dous millóns de euros para dez concellos da provincia ao abeiro do Plan Concellos

A Deputación de Pontevedra financia diversos proxectos de acondicionamento e reforma de vías públicas, parques e centros socioculturais e deportivos na provincia


26 maio 2018
plan concellos 2018

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar dez novas achegas para os concellos de Arbo, Campo Lameiro, A Cañiza, Forcarei, Gondomar, O Grove, A Illa de Arousa, Ponte Caldelas, O Porriño e Rodeiro, dentro da Liña 1 do Plan Concellos 2018. Estes investimentos supoñen un total de 1.855.216'16 euros.

Así, a institución provincial destina ao Concello de Arbo 69.927,48 euros para o acondicionamento da estrada E.P. 5003 en A Lomba.

Pola súa banda, o Concello de Campo Lameiro recibe por parte da Deputación 72.201 € para varias actuacións nas vías públicas de Gargallóns 1, Gargallóns 2, Gargallóns 3, punto limpo e parque infantil Castriño.  

No caso da Cañiza, a institución achega un total de 76.643 euros para o proxecto de urbanización do parque central do concello.

Así mesmo, a Deputación destina 78.000 euros ao Concello de Forcarei para a execución da reforma do albergue para un ximnasio.

Tamén o Concello de Gondomar recibe un importe de 159.764 euros para levar a cabo o proxecto de reforma da praza da Paradela e a súa contorna.

Deste mesmo modo, a institución provincial achega a O Grove un total de 418.000 euros para a execución do proxecto do auditorio e da escola de música.

Seguindo nesta liña, o Concello de A Illa de Arousa tamén obtén unha subvención con valor de 615.680,29 euros para levar a cabo a rehabilitación das vivendas núm. 1, 3 e 5 da rúa Marqués de Bradomín para equipamentos socioculturais.

Ademais, a Deputación de Pontevedra destina 76.424,69 euros a Ponte Caldelas para o proxecto de humanización da praza de España e do primeiro tramo da avenida de Vigo.

Por outra banda, o Concello de Porriño recibe por parte da institución provincial un total de 200.000 euros para a execución do módulo de atletismo.

E xa por último, a Deputación achega 88.575,70 euros ao Concello de Rodeiro para levar a cabo a mellora do pavillón polideportivo e ximnasio municipais e a súa adaptación á normativa vixente.