Noticias

O Goberno de Carmela Silva aproba unha achega de 200.000 € para o parque das Pedrosas de Silleda

O investimento enmárcanse na liña 1 do Plan Concellos 2017 a través do cal Silleda recibirá ao longo deste ano máis de 740.000 euros


28 abril 2017
Xunta de goberno

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha partida de preto de 200.000 euros ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos 2017 destinada a diversas actuacións no concello de Silleda. A presidenta Carmela Silva quixo insistir na importancia destas axudas provinciais que permiten "garantir as mellores condicións e servizos básicos para a cidadanía como é neste caso o acondicionamento de parques públicos".

En concreto, Silleda recibirá 199.999,99 € para o acondicionamento do parque das Pedrosas. Nestes primeiros catro meses do ano, a institución provincial leva aprobados 300.480,49 € para Silleda no marco do Plan Concellos 2017, é dicir, xa se repartiu un 40,53 % dos 741.293,99 € previstos para a localidade neste ano.

Carmela Silva sinalou que "a liña 1 do Plan Concellos, destinada a investimentos, permite aos núcleos de poboación da nosa provincia levar a cabo investimentos para dotalos de infraestruturas, en moitas ocasións básicas, e garantir a calidade de vida das veciñas e veciños dos concellos da nosa provincia".

As axudas aprobadas ata a data pola Deputación de Pontevedra dentro da liña 1 do Plan Concellos 2017 ascenden a un total de 6.902.080,4 €, isto supón un 26,8 % do destinado a investimentos. Esta é a liña con maior dotación económica do programa e supón o 62,5 % do total do plan, cun orzamento de 25.750.000 € (fronte aos 25 millóns de 2016).

O Plan Concellos 2017 ten asignado para este curso unha dotación de 41,2 millóns de euros, unha partida un 3 % maior que a aprobada no ano anterior e que entre as súas tres liñas estratéxicas leva aprobado un total de 18,3 millóns de euros desde xaneiro.


Novas relacionadas

EP-6509 entre Escuadro e Silleda

03 novembro 2017, silleda, mobilidade, movilidad, estrada provincial, escuadro