Noticias

A Deputación mellorará de xeito integral o último treito da estrada provincial EP-6509 entre Escuadro e Silleda

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez anuncia unha actuación de 136.302 euros de orzamento


03 novembro 2017
EP-6509 entre Escuadro e Silleda

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez anunciou que a Deputación de Pontevedra, a través do servizo de Mobilidade, vai mellorar de xeito integral o último treito da estrada provincial EP-6509 entre Escuadro e Silleda, no Concello de Silleda. Segundo indica o responsable provincial, a actuación ten un orzamento de 136.302 euros e permitirá unha ampliación da sección actual da vía (que en algúns puntos apenas ten 4 metros de largo), a rehabilitación da estrutura do firme e das cunetas, a construción dun  muro de contención para garantir a estabilidade da vía nunha zona onde se produciron desprendementos, así como a instalación de elementos de calmado de tráfico.

Na actualidade a estrada EP-6509 sufre unha redución de sección a partir do punto quilométrico 4+640, atopándose tamén con importantes deficiencias no firme, cunha ausencia de sinalización horizontal e con falta de elementos para mellorar a drenaxe superficial da vía, entre outras cuestións. A maiores, debido aos temporais do último inverno, hai un desprendemento de terreo na marxe esquerda (PQ 4+730), nunha zona onde existe unha drenaxe transversal subterránea que permite que un regato cruce de dereita a esquerda a vía. Este desprendemento non produciu danos no firme ata o de agora, mais deixou unha situación que os servizos técnicos provinciais consideran moi perigosa ante posibles caídas de elementos no futuro.

Por estes motivos, segundo asegurou Benítez, o servizo de Mobilidade redactou un proxecto de mellora para un treito de 550 metros que agora está en fase de licitación e que consistirá na ampliación da plataforma rodada ata os 5,5 metros de largo, no saneo do firme e da base que se atopa en mal estado, a pavimentación do firme existente, a instalación de redutores físicos de velocidade de vehículos –coa correspondente sinalización e delimitación da velocidade máxima a 30 quilómetros hora–, o pintado das marcas viarias e instalación das sinais verticais, a mellora da drenaxe superficial con cunetas revestidas de formigón, a substitución das cunetas existentes en ‘V' pola súa perigosidade, así como o reperfilado e roza dos laterais. Tamén se instalará un muro de cachotes de 23 metros de lonxitude para o sostemento da plataforma da estrada, solucionando así o desprendemento de terras existente na actualidade e eliminando o perigo de desprendementos futuros.

Unha vez adxudicadas as obras, está previsto que teñan un prazo de execución de dous meses, polo que se se cumpren os prazos administrativos previstos e a climatoloxía o permite, a actuación poderá estar finalizada na primavera.