Noticias

O Goberno de Carmela Silva aproba os convenios cos concellos de Nigrán e As Neves para iniciar os proxectos enmarcados no Plan de Reequilibrio

Supón o inicio da tramitación da esperada Biblioteca Municipal de Nigrán e a ampliación do Centro Cultural de Rubiós nas Neves, valorados en máis de 2 millóns de euros


29 decembro 2017
Plan de Reequilibrio

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou dous novos convenios enmarcados no Plan de Reequilibrio dos concellos da provincia, impulsado pola institución, que permitirán aos municipios de Nigrán e As Neves poñer en marcha dous proxectos singulares e moi esperados pola súa veciñanza.

En concreto, a Deputación de Pontevedra destinará 399.566,20 euros ás Neves para a ampliación do Centro Cultural de Rubiós, obra que conta cun orzamento total de 499.457,75 euros. Pola súa banda, o Goberno de Carmela Silva aprobou a inversión de 1.479.620,18 euros para o concello de Nigrán destinada a construción da nova biblioteca municipal, que conta cun orzamento de 1.849.525,23 euros.

O Plan de Reequilibrio é unha iniciativa, con bases claras, transparentes e obxectivas, dirixida aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia, para poñer en marcha novos investimentos en dotacións singulares na mellora do equilibrio territorial. Máis polo miúdo, a través do plan, os 25 concellos beneficiarios poderán poñer en marcha grandes equipamentos e dotacións, centradas na ocupación do espazo público pola cidadanía, cambiando o modelo de trama urbana, impulsando as humanizacións así como equipamentos e dotacións deportivas, culturais, sociais ou de lecer e ocio, para dar resposta á situación de falta de equilibrio entre os concellos da provincia por mor das decisións arbitrarias dos anteriores gobernos.

Os proxectos enmarcados no Plan de Reequilibrio da Deputación de Pontevedra, para os que serán investidos un total de 15 millóns de euros, deberán estar iniciados antes do 30 de xuño de 2018 e rematados antes do 30 de xuño do 2019.