Noticias

O Goberno de Carmela Silva aproba máis de medio millón de euros para a pavimentación de vías municipais na Estrada

A Xunta de Goberno aproba preto de 900.000 euros para a mellora do alumeado exterior e vías municipais, así como actividades culturais e deportivas en Lalín, Forcarei, Cerdedo-Cotobade e A Estrada


20 maio 2017
Plan Concellos 2017

O Goberno de Carmela Silva aprobou destinar máis de medio millón de euros para que o Concello da Estrada poida levar a cabo melloras na pavimentación de vías municipais do seu termo municipal. En concreto, tal e como afirmou a presidenta da Deputación, trátase dunha achega de 565.453,92 € que se suman ás xa aprobadas ata o momento para o Concello da Estrada e que supoñen o 66,7 % da contía do Plan Concellos correspondente á vila para este ano.

En total, a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou novecentos mil euros para levar a cabo proxectos e investimentos en catro concellos das comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes. Así, xunto á Estrada, Lalín, Forcarei e Cerdedo-Cotobade tamén recibirán axudas para levar a cabo actuacións para mellorar o alumeado exterior, as vías municipais e promover actividades culturais e deportivas.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, informou que Forcarei recibirá 61.611,14 € para a mellora da instalación de alumeado exterior no concello. Ata o momento, tal e como manifestou a presidenta provincial, Forcarei ten o 33,53 % do orzamento correspondente ao Plan Concellos aprobado. Pola súa banda, tal e como informou Silva esta mañá, Cerdedo-Cotobade recibirá 124.871,47 € para o asfaltado de viarios de acceso ao colexio de Carballedo, Dorna e ao Balneario de San Xusto. Ata o momento, este concello ten o 45,52 % do orzamento correspondente ao Plan Concellos aprobado.

Carmela Silva subliñou que "con esta relación levamos xa aprobadas achegas para investimentos nos concellos da provincia por valor de máis de 11,5 millóns euros, é dicir, o
44,75 % da liña 1 que este ano ascende a 25.750.000 €".

Liña 2

No caso de Lalín, a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou destinar ao concello 127.798,33 € no marco da liña 2 do Plan Concellos 2017, para poñer en marcha obradoiros de robótica, adquirir materiais para reparar as pistas no termo municipal, impulsar o Serán das Letras Galegas así como a 13.ª Bienal de Lalín, o Circuíto de cine no rural, o Ciclo de Música na Rúa, os Roteiros de Lalín, o Plan Museolóxico e Museográfico do Museo Galego da Marioneta e para os gastos de funcionamento do Conservatorio profesional de Música de Lalín.

Con respecto a esta liña, Carmela Silva adiantou que "levamos xa aprobadas achegas para os concellos da provincia por valor de máis de 3,2 millóns euros, é dicir, o 52,11 % da liña 2 que este ano ascende a 6.180.000 €".

O Plan Concellos 2017 ten asignado para este ano unha dotación de 41,2 millóns de euros, unha partida un 3 % maior que a do ano anterior e que, entre as súas tres liñas estratéxicas, leva aprobado xa máis de 30 millóns de euros desde xaneiro, é dicir, o 73 % do plan.


Novas relacionadas

Imagen representativa de una noticia de colectivos o temas

13 ago 2016, plan concellos 2016, plan ayuntamientos 2016