Noticias

O Goberno de Carmela Silva adxudica preto de 600 novas prazas do programa "En ruta coa Depo"

O programa da Deputación de Pontevedra oferta 32 rutas para que a veciñanza da provincia poida realizar visitas guiadas por lugares emblemáticos


23 novembro 2019
En ruta coa Depo

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a cuarta adxudicación das prazas do programa "En ruta coa Depo", unha iniciativa que lles permite ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra. Máis polo miúdo, o Goberno de Carmela Silva oferta 594 prazas correspondentes a 10 entidades que quedaron na lista de agarda da terceira adxudicación, quenda na que se adxudicaron 1.188 prazas correspondentes a 18 entidades. Esta nova adxudicación supón arredor de 10.000 euros en total.

"En ruta coa Depo" 2019 oferta este ano máis de 20.000 prazas distribuídas en 32 rutas que pasan por lugares emblemáticos da provincia. Os percorridos divídense en rutas temáticas, rutas culturais, rutas marítimas, rutas adaptadas para persoas con mobilidade reducida, rutas dinámicas e rutas interxeracionais. Esta iniciativa pretende mellorar a participación, a convivencia e a cohesión dos distintos colectivos sociais e promover a igualdade de oportunidades para os colectivos con diversidade funcional, así como ofrecer alternativas de ocio e tempo de lecer á poboación da provincia.

Ademais, o programa da Deputación de Pontevedra tamén ten como obxectivos dar a coñecer os distintos lugares da provincia de Pontevedra, dotar as asociacións de recursos para promover o envellecemento activo e promover os valores máis importantes das Rías Baixas para que a xente os coñeza, se poida sentir orgullosa deles, coide o medio ambiente e adquira novos valores de respecto ao contorno. O contido do programa consiste en pasar un día de convivencia pola provincia co acompañamento dunha ou dun guía que conte coa habilitación de guía de turismo especializado de Galicia, e inclúe xantar e transporte.