Noticias

A quinta edición do programa "En ruta coa Depo" ofertará 20.000 prazas e 32 rutas para o próximo ano

A institución provincial lle dedicará un orzamento de 417.600 euros a esta iniciativa no 2020, o maior destinado ata agora


06 novembro 2019
En Ruta coa Depo

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe as bases reguladoras do programa "En ruta coa Depo" para o vindeiro ano 2020. Trátase da quinta edición desta iniciativa da institución provincial, que está dirixida a entidades sen ánimo de lucro e busca ofrecer alternativas de convivencia, lecer e tempo libre para os distintos colectivos sociais da provincia.

Para o ano 2020, "En ruta coa Depo" incrementa o seu orzamento ata os 417.600 euros, o maior destinado ao programa ata agora (52.000 euros máis que na actual edición), e ofrecerá un total de 20.000 prazas e 32 rutas por lugares emblemáticos da provincia divididas en rutas temáticas, culturais, marítimas, adaptadas para persoas con mobilidade reducida, dinámicas e interxeracionais. Os percorridos dos 32 itinerarios manteranse con respecto á edición deste ano, que aínda está en marcha.

A través deste programa, a Deputación de Pontevedra quere dar a coñecer os distintos lugares da provincia de Pontevedra, dotar as asociacións de recursos para promover o envellecemento activo e promover os valores máis importantes das Rías Baixas para que a xente os coñeza, poida sentirse orgullosa deles, coide o medio ambiente e adquira novos valores de respecto ao contorno. Ademais, a iniciativa busca crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional.

O contido do programa consiste en pasar un día de convivencia nun dos itinerarios escollidos na provincia co acompañamento dunha ou dun guía turístico especializado, e inclúe o xantar e o transporte. De acordo coas bases, as entidades sociais da provincia de Pontevedra poderán solicitar, por orde de preferencia, tres rutas das 32 propostas, sinalando o mes e o día da semana preferidos para a súa realización. Cada participante achegará a cantidade de 13,50 euros, que incluirá o desprazamento de ida e volta en autobús desde os puntos marcados nos seus concellos, a visita guiada e o xantar. Ademais, haberá 400 prazas de balde para persoas con dificultades económicas ou risco de exclusión social.

Esta é a quinta edición do programa, e o seu orzamento e participación foi medrando desde a primeira, no 2016, que contaba con 23 rutas. Dos 238.500 euros que constituíron o orzamento daquel ano pasouse a 365.000 neste 2019. En canto á participación, nesa primeira edición fixeron as rutas 18.676 persoas, mentres que o ano pasado se adxudicaron 19.814 prazas. Neste 2019 o programa ofertou 20.000 prazas, e aínda se están a desenvolver as xornadas. Así, o pasado mes de outubro adxudicouse a terceira quenda dos itinerarios, da que se beneficiarán 1.188 persoas de 18 entidades pertencentes a 14 concellos da provincia.