Noticias

O goberno de Carmela Silva adxudica a Pontecesures o 100 % das achegas do Plan Concellos 2017

A institución provincial acaba de aprobar, por valor de 175.000, novos investimentos na localidade ao abeiro do plan co que completa a totalidade das achegas que, neste 2017, ascenderon a 350.000 euros


07 setembro 2017
Plan Concellos 2017

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar novos investimentos, por valor de 175.000 euros, para a localidade de Pontecesures ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos 2017. Con esta achega, o concello ten xa concedido o 100 % do orzamento que lle corresponde no marco do plan da institución provincial.

Máis polo miúdo, o Goberno de Carmela Silva acaba de aprobar achegas por valor de 174.731,18 euros para obras de reurbanización en camiños municipais de Pontecesures. Así, o concello investirá 77.840,41 euros na obra de reurbanización dun tramo do camiño de Paxareira e 96.890,77 euros tamén na reurbanización dun tramo do camiño de Infesta.

A presidenta da Deputación de Pontevedra amosou a súa satisfacción xa que "con estas novas aprobacións o Concello de Pontecesures recibiu xa o 100 % das achegas que lle corresponden ao abeiro do Plan Concellos e que, este ano, ascenden a preto de 350.000 euros".

O Plan Concellos 2017 permitirá que Pontecesures poña en marcha a través da liña un obras de mellora da seguridade viaria en vías municipais, ademais de reurbanizacións. Á marxe da liña un, outros 52.410 euros para afrontar o pago de mensualidades do canon de recollida e saneamento de lixo e para os gastos da XXII Festa da Lamprea 2017. Finalmente outros 75.205 euros en liña 3 para a contratación de 8 persoas nos distintos servizos municipais desta vila.

O Goberno de Carmela Silva, con estas achegas aprobadas para Pontecesures, leva xa distribuídos máis de 33 millóns de euros entre os concellos da provincia, é dicir, o 80 % do Plan Concellos.