Noticias

O goberno de Carmela Silva achega 165.000 euros a Moaña, que completa así o 100% do Plan Concellos

Con este último investimento aprobado en Xunta de Goberno, Moaña pecha o Plan con case un millón de euros concedidos, un 5,13% máis que no 2016


25 decembro 2017
Plan Concellos 2017

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar unha última achega para o concello de Moaña por valor de 165.000 euros. Con este novo investimento poderá levar a cabo obras de mellora na mobilidade e na seguridade no viario EP-1104. Con esta achega, Moaña xa ten completado o 100% do Plan Concellos 2017, isto é, xa ten aprobados os 965.408,21  euros que lle corresponde este ano, un 5,13% máis que no 2016.

Este investimento servirá para financiar o proxecto elaborado polo departamento provincial de Mobilidade. Así, crearanse espazos de prioridade peonil e implantaranse mecanismos de calmado de tráfico que permitirán un continuo camiñable e inclusivo para a veciñanza. Esta vía une os núcleos de Ameixoada, O Casal, San Martiño e Abelendo nun espazo rururbano; funciona de zona de paso intermedio cara a vía rápida do Morrazo, formando parte de diferentes atallos, e conecta equipamentos como o lavadoiro de Figueirido, o centro socio cultural de Abelendo, ou o campo de fútbol de O Casal. Todas estas funcións provocan enormes variacións de usos ao longo da estrada e, polo tanto, xustifican a mellora que propón o departamento dirixido por Uxío Benítez dando prioridade ao uso peonil da veciñanza no espazo público.

Anteriormente, ao abeiro do Plan Concellos 2017, xa recibira achegas para acondicionar e mellorar o sendeiro da Fraga, para o arranxo das fachadas do CEIP Reibón, o acondicionamento da antiga Casa do Concello e da Praza de Abastos, a reforma do centro cultural Daniel Castelao, a adquisición dunha embarcación semirríxida que empregará nas labores dos seus servizos de salvamento e socorrismo, o acondicionamento das instalacións deportivas municipais, para a reforma dos seus centros escolares, para realizar unha serie de melloras no barrio do Real, para impulsar un proxecto de mellora da eficiencia enerxética na estrada PO-551 (Tirán), e para realizar a demolición e o acondicionamento dunha parcela en Ramón Cabanillas, todo isto a través da liña 1.

Amais destas actuacións, encadradas na liña 1 de investimentos, a Deputación de Pontevedra tamén destinou 144.811,23 €, na liña 2, para facer fronte a gastos correntes en liña 2 e, por último, 217.210,14 euros para a contratación de 29 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de emprego do Plan..

A Deputación de Pontevedra leva xa aprobadas achegas na provincia por valor de máis de 41,9 millóns de euros, é dicir, máis do 99,5% do Plan Concellos deste ano 2017.