Noticias

O Goberno da Deputación destina 120.000 € para o impulso do envellecemento activo a través de "Depo en marcha"

A nova edición do programa ofrece un mínimo de 100 obradoiros estruturados nas temáticas: "Traballando coas mans", "Entre fogóns", "Aprendendo da natureza", "Móvete", "Activando corpo e mente", "Enredando", "Dálle marcha" e "En rede"


02 febreiro 2017

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou que a Xunta de Goberno da institución provincial vai aprobar as bases da segunda edición de "Depo en marcha", un programa, xestionado a través do Servizo de Cohesión Social e Xuventude, ao que se destinarán 120.000 €.

Carmela Silva manifestou que "vivimos nunha sociedade cada vez máis envellecida, que precisa de servizos, plans e programas adaptados ás súas necesidades". Neste contexto, a presidenta da Deputación asegurou que "Depo en marcha" ten por finalidade favorecer o envellecemento activo das persoas da provincia a través de obradoiros cos que se quere "contribuír a optimizar as oportunidades de saúde, participación e seguridade da terceira idade, así como establecer relacións sociais, favorecer a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, potenciar movementos de participación e cooperación social, promover espazos de encontro e intercambio de experiencias e favorecer a independencia das persoas maiores para evitar o seu illamento e situacións de soidade".

Na área de "Traballando coas mans" a Deputación de Pontevedra ofertará cursos relacionados con arte floral, cestería, elaboración de xabóns, encaixe de palillos, restauración de mobles, tapicería e traballos manuais. "Entre fogóns" centrarase na cociña galega, na elaboración de conservas artesanais e licores caseiros, así como panadería, repostería, tapiñas e petiscos. A través de "Aprendendo da natureza" os participantes no programa coñecerán plantas medicinais e con "Móvete" aprenderán a practicar pilates, ioga, ximnasia de mantemento e zumba.

Pola súa banda, na área de "Activando corpo e mente" a institución provincial ofertará cursos relacionados coa conservación da memoria, musicoterapia, risoterapia e control e manexo da ansiedade e o estrés. "Enredando" centrarase nos xogos tradicionais e no teatro; e "Dálle marcha", nos bailes de salón, pandeireta e canto popular. A través de "En rede" os participantes en "Depo en marcha" coñecerán o funcionamento de Internet, así como do correo electrónico, do teléfono móbil e da informática, tanto a nivel iniciación coma avanzado.

Os máis de 100 obradoiros que oferta a Deputación de Pontevedra van dirixidos a entidades de persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia de Pontevedra; concederase un obradoiro,de 30 horas, para grupos de entre 20 e 25 persoas, por cada solicitante.

As entidades interesadas en beneficiarse do programa "Depo en marcha" deberán presentar a solicitude de participación nun prazo de 20 días a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOPPO.