Noticias

O festival Portamérica grande protagonista dunha fin de semana na que a Deputación volve encher de lecer a provincia

PortAmérica 2021 pecha en Portas o cartel dos Rías Baixas Fest, os eventos musicais máis destacados do panorama musical galego


30 setembro 2021
Festival Port America

A Deputación de Pontevedra dálle á benvida ao mes de outubro facendo partícipes a dez concellos da provincia da súa interesante oferta cultural e deportiva. Serán Soutomaior, Vilagarcía, Vigo, Portas, Campo Lameiro, Baiona, Silleda, Vilaboa, Moraña e Catoira os que acollerán, ata o domingo, as actividades dos programas provinciais "Tornar as táboas", "Historias Cavadas", "Musigal", "Roteiros literarios", "Rutas de arquitectura" e "Visitas caracterizadas", "Rías Baixas Film Fest" e "Rías Baixas Fest",  o prato forte desta fin de semana.

Música e cine volven xogar un importante papel esta semana. No terreo musical, o venres e o sábado pomos fin en Portas aos "Rías Baixas Fest". PortAmérica 2021 pecha o cartel de eventos musicais máis destacados do panorama musical galego, que este ano levou, unha vez máis, aos nosos artistas durante todo o verán e parte do outono por toda a provincia. Celebrarase entre o 1 e 2 de outubro na Azucreira de Portas,  e o seu concepto xira en torno á orixe. "PortAmérica. Orixe" vai reunir a parte dos artistas cos que xurdiu, constituíndo o seu principal reclamo dous concertos únicos de bandas moi vencelladas para o festival: o concerto de Delux, antigo grupo de Xoel López que se reunirá por primeira vez tras 13 anos; e a volta de Le Punk, que permanecía inactivo desde 2009. Tamén haberá concertos de Vetusta Morla, Tropical Jesús, Novedades Carmiha e Ortiga, entre outros. Como cada ano, as campañas de sustentabilidade e igualdade da Deputación estarán moi presentes na cita musical, mais nesta ocasión cun novo formato. No caso de igualdade, cun audiovisual co que reafirma a denuncia da institución fronte ao acoso e a violencia machista e, no da sustentabilidade, cun espazo no que se animará ás e os asistentes a compartir un momento Rías Baixas nun sistema de transporte moi ecolóxico como o é un globo. Neste último posto, haberá información sobre a importancia do consumo da artesanía e o produto local nas nosas experiencias turísticas.  Ademais, dentro da programación de "Musigal", o domingo 3, ás 20.00 horas, celebrarase  en Vilaboa o concerto de "De Vacas".

Pola súa banda, no terreo audiovisual, a cidade olívica celebra ata este sábado 2 de outubro o "Galician Freaky Film", que na súa quinta edición volve para achegar ás galegas e galegos unha coidada selección de pezas audiovisuais con grandes estreas mundiais, internacionais e nacionais. Ata decembro, os "Rías Baixas Film Fest", completarán o seu cartel co "Festival de Cine Inclusivo" (12-16 outubro) e "Novos Cinemas" (14-19 decembro).

Soutomaior volve acercar a historia do seu castelo con seis novas oportunidades para percorrer e coñecer os detalles máis cobizados da fortaleza e parque botánico no marco das "Visitas caracterizadas". Así, da man de María Vinyals, Emilia Pardo Bazán e Emilia Lluria (representadas pola agrupación Aguias), os seus visitantes poderán gozar do castelo e a súa contorna o venres 1, ás 16.00 e ás 17.30, e, o domingo 3, ás 11.00, 13.00, 16.00 e 17.30. As visitas teñen unha duración estimada dunha hora e o seu prezo é de oito euros. Para asistir é necesario realizar reserva no portal web do castelo (https://entradas.castelodesoutomaior.com/).

Amais, a Deputación reafirma o seu interese de achegar as artes escénicas aos seus concellos con outras dúas de "Tornar as táboas". O sábado 2, ás 20.00, Expresións Producións ofrecerá o seu espectáculo "Os limpa limpa" en Campo Lameiro e, o domingo 3, tamén ás 20.00, será a quenda de A Panadaría, que interpretará "Elisa e Marcela" en Baiona. Por último neste senso, a institución provincial pon fin á edición actual de "Historias Cavadas", que rematan este xoves, ás 20.00, en Castro Alobre (Marín).

A terceira das "Rutas Arquitectónicas" terá lugar este sábado 2, ás 10.00 horas, e arrancará no santuario dos Milagres de Amil, en Moraña, para ofrecer a continuación un interesante itinerario pola súa contorna, as torres de Oeste e a ermida e carballeira de San Cibrán de Dimo, en Catoira. Finalmente, no caso dos "Roteiros Literarios", será Silleda o concello que acolla a "Memoria e ficción no relato rural", que partirá ás 11.30 do Recinto Feiral Semana Verde para pór en valor, da man de Ana Cabaleiro, as pegadas literarias que a vila atesoura, tanto a partir de autoras e autores silledenses coma universais do sistema literario galego.