Noticias

O Edificio Administrativo da Deputación acolle en outubro seis obradoiros de "SmartPeme"

"SmartPeme" é un programa de asesoramento no ámbito das TIC da institución provincial destinado ás persoas emprendedoras e ás pemes da provincia


05 outubro 2017
SmartPeme

O Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra, na capital provincial, e as instalacións de AJE Pontevedra acollerán, durante todo este mes de outubro, seis obradoiros ao abeiro do programa "SmartPeme" da institución provincial. "SmartPeme" oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man das propias implicadas e implicados e coa colaboración das asociacións de empresarias e empresarios e de mozas e mozos autónomos.

As quendas para o mes de outubro comezaron onte mércores 4 de outubro co obradoiro "Xestión da túa empresa: facturación e ferramentas integradas" e seguirá cos seguintes cursos: o martes 10 impartirase o obradoiro "Ferramentas de google para a promoción de negocios locais", este será o único que cambie de localización, pois terá lugar nas instalacións de AJE Pontevedra. O seguinte martes, día 17, "Linkedin: a túa rede de networking", ao que lle seguirá o xoves 19 "Unifica a xestión das túas redes con Hootsuite". Por último, o martes 24 de setembro, desenvolverase o obradoiro "Fotografía e vídeo para espazos interiores" e o xoves 26 "A túa páxina web con Wordpress". A oficina "SmartPeme" de Pontevedra, no Edificio Administrativo da Deputación, atópase na Gran Vía de Montero Ríos, s/n, e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.

Lembramos que o novo proxecto "SmartPeme", en palabras da presidenta da Deputación, Carmela Silva, "é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma as persoas emprendedoras, as asociacións empresariais e axentes de dinamización en concellos". Para isto, nas oficinas de "SmartPeme" no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo se están a poñer en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores e emprendedoras, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pemes e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.