Noticias

O deputado Santos Héctor visita obras realizadas en Soutomaior ao abeiro do Plan Concellos 2016

O deputado lembrou que o investimento do Plan este ano 2017 na vila sitúase en máis de 533.203,53 €, un 12,45 % máis que no ano anterior, case dez puntos por riba da media provincial


27 abril 2017
Reunión en Soutomaior

O deputado de Turismo da Deputación de Pontevedra, Santos  Héctor Rodríguez, acompañado polo alcalde, Agustín Reguera, visitou esta mañá en Soutomaior algunhas das actuacións desenvolvidas na vila no marco do Plan Concellos 2016, entre as que se atopan as relativas ao mantemento e conservación da casa do concello. En concreto, esta actuación supuxo un investimento de preto de 40.000 €, aos que hai que engadir outras achegas destinadas á mellora dos lavadoiros de Fonte dos Pereiros, A Xesteira, A Carrola e A Pedreira, ao acondicionamento dos vestiarios do campo de fútbol do concello, á renovación do parque infantil de Veiguiña Longa, á pavimentación dos camiños de Pino Manso, Carballal, a Pedreira, Lourido, Romariz e Carrasqueira e á climatización da casa da cultura.

Rodríguez subliñou que "a través do mantemento e conservación da casa do concello estanse a solucionar problemas de filtracións no edificio, impermeabilizando a cuberta e executando a drenaxe para reducir a humidade. Ademais acometéronse obras para mellorar as condicións estruturais das fachadas sur, leste e oeste, acondicionouse a seguridade da tarima exterior e mellorouse a carpintería exterior".

O deputado provincial lembrou que o Plan Concellos 2016 destinou a Soutomaior 474.169,81 €, case un 19 % máis de achegas que en 2015. Santos Héctor Rodríguez tamén recordou que "durante o ano 2016 o Goberno provincial de Carmela Silva fixo un investimento total de máis de 754.000 € na vila de Soutomaior, facendo que as veciñas e os veciños deste concello poidan ter unha mellor calidade de vida" e reiterou que "seguiremos apostando polos concellos, que son os que máis necesitan a actuación directa da Deputación de Pontevedra".