Noticias

A Deputación achega 115.000 € a Soutomaior para a pavimentación de camiños ao abeiro do Plan Concellos

O goberno provincial entregou xa o 93% do destinado a Soutomaior no Plan Concellos 2016, o que supón un investimento na vila de 439.229,25 €


24 xul 2016

A Deputación de Pontevedra, a través de resolucións presidenciais, vén de aprobar tres achegas que representan un investimento de 115.172,88 € na vila por parte do Goberno provincial. En concreto, 41.378,21 € para a pavimentación dos camiños de Lourido, Romariz e Carrasqueira, 40.574,88 € para o de Pedreira e 33.219,79 € para os de Pino Manso e Carballal. Todas estas axudas intégranse dentro da liña 1, investimentos, do Plan Concellos 2016.

Anteriormente a institución provincial xa entregara ao abeiro da liña 1 outros 199.586,79 € destinados á renovación do parque infantil de Veiguiña Longa e a subministración de elementos para o parque, á mellora dos lavadoiros da Carrola, de Pedreira, o localizado fronte á Xesteira e fronte aos Pereiros (Arcade), á mellora dos vestiarios do campo de fútbol municipal e á climatización da Casa da Cultura e do Obradoiro de Alxán. Dentro da liña 3, un investimento de 17.781,37 € financiou as seguintes actividades: a Festa da Ostra en Arcade, as actividades do Entroido e as Actividades de Verán. Por último, en liña 4 –emprego–, 106.688,21 € que permitiron a contratación de 17 persoas desempregadas nos servizos municipais do concello.

No que levamos de ano, o Goberno provincial xa asignou o 92,6% dos presupostos destinados a Soutomaior ao abeiro do Plan Concellos 2016, acadando un total de 439.229,25 € investidos.