Noticias

O deputado David Regades presenta en Nigrán os investimentos da liña 1 do "Plan Concellos 2017" entre os que destaca a humanización da rúa do mariñeiro

O alcalde de Nigrán asegurou que "o 60% dos cartos serán para reordenar unha estrada autonómica e para os centros educativos tamén da Xunta, pero xa sabemos que para o goberno galego Nigrán non existe"


20 marzo 2017
Visita a Nigran

O deputado de Cooperación da Deputación de Pontevedra, David Regades, visitou esta mañá o concello de Nigrán acompañado polo seu alcalde, Juan González, integrantes da Corporación municipal e o presidente da Asociación de veciñas e veciños de Panxón, para coñecer de primeira man as distintas obras que a vila de Nigrán vén de solicitar ao abeiro da liña 1, investimentos, do "Plan Concellos 2017" e que, polo tanto, serán financiadas pola institución provincial. Este ano, Nigrán recibe do "Plan Concellos 2017" un total de 970.010,12 €, un 2% máis que o ano anterior, no que a Deputación de Pontevedra investiu un total de máis de dous millóns de euros na vila do Val Miñor.

A obra máis importante de Nigrán co orzamento do "Plan Concellos 2017", case 300.000 euros de investimento, será a reordenación e humanización da rúa do Mariñeiro. Regades asegurou que "este é un proxecto que as veciñas e veciños levan reclamando moito tempo xa que se atopa en moi mal estado: as beirarrúas están afundidas e rotas, ten filtracións, faltan farois…" Cun investimento de 280.000 €, esta obra permitirá mellorar a seguridade viaria e a contorna dunha rúa clave para a parroquia de Panxón, ao unir a estrada PO-325 coa praia. O rexedor municipal adiantou que as obras, que xa teñen todos os informes favorables necesarios para a súa posta en marcha, comezarán ao rematar o verán para non interferir co alto turismo que recibe esta zona durante os meses do estío, xa que esta rúa é unha das súas principais vías de entrada.

Na rúa do Mariñeiro realizaranse obras de humanización, reparación do pavimento, melloras nas beirarrúas para cumprir coa lei de accesibilidade, solucionaranse os problemas cos pluviais, instalaranse novas luminarias LED "máis eficientes e menos contaminantes", sinalou o Deputado provincial e, ademais, incrementaranse as prazas de aparcamento ata un total de 72, ao ordenar o tráfico rodado e peonil. "Deste xeito eliminaranse as barreiras e facilitarase a mobilidade tanto para as persoas con mobilidade reducida como para as persoas maiores, xa que cada vez a poboación está máis envellecida", asegurou Regades.

O alcalde de Nigrán, Juan González, asegurou que "practicamente o 60% do orzamento que lle corresponde a Nigrán na liña 1 do Plan Concellos 2017 vai ser destinado a competencias da Xunta de Galicia, xa que a estrada que transcorre por esta rúa é autonómica e, ademais, tamén investiremos na substitución das instalacións eléctricas de todos os centros educativos de primaria (cun total de 114.000 €)". González afirmou que "Nigrán non existe para a Xunta de Galicia e estamos tan acostumados e acostumadas a esta situación que nin sequera nos produce malestar, sabemos que vai seguir sendo así e que se o temos que facer, o faremos". O rexedor denunciou que "o ano pasado a Xunta quixo asinar un convenio para dedicar 2.000 euros a todos os colexios de primaria de Nigrán e loxicamente non o asinamos, aínda que isto arrefriara as relacións, porque eses pouco máis de 200 euros por centro non significaban nada".

Nigrán recibe un total de 606.256,32 € na liña 1 do "Plan Concellos 2017". Con esta cantidade, ademais das obras na rúa do Mariñeiro e nos centros educativos, o goberno municipal de Juan González tamén desenvolverá outros proxectos como a compra dunha parcela para construír o almacén municipal (89.000 €), o servizo de retirada, transporte e xestión de residuos no Polígono 57 (54.000 €), a conexión á rede de abastecemento (38.000 €) e construción de beirarrúas (33.000 €) da rúa San Roque ou o acondicionamento da rúa Castelao (21.000 €), entre outros. Juan González asegurou que "non hai obras de cara á galería, senón que todas melloran a calidade de vida da nosa cidadanía" grazas a uns fondos que "non temos que reclamar, senón que nos corresponden para facer o que consideramos prioritario. Isto é a razón pola que a posta en marcha do Plan Concellos é unha noticia tan boa, e temos que dar as grazas á Deputación de Pontevedra", sinalou o alcalde de Nigrán.

Tamén ao abeiro do "Plan Concellos 2017", a Xunta de Goberno da institución provincial xa aprobou unha achega de 218.000  da Liña 3 de emprego para a contratación de 27 persoas nos servizos municipais de Nigrán. Ademais, a vila recibirá outros 146.000 € en liña 2 para a amortización e pagamento de débedas e gasto corrente máis gastos de actividades culturais, deportivas ou sociais.