Noticias

O Consello Asesor do Museo cumple un ano de plena e trascendente actividade a pesares da pandemia

A institución encara un 2021 decisivo cos proxectos de rehabilitación dos edificios centrais e da construción do inmoble de Valdecorvos, a nova imaxe corporativa e a adquisición do ‘Álbum Nós' de Castelao


01 xaneiro 2021
Consello Aseosor do Museo

O Museo de Pontevedra cumpre nestes días un ano da andadura co seu novo Consello Asesor. A finais de decembro de 2019 presentábanse oficialmente as e os integrantes do novo organismo e en xaneiro de 2020 celebrábase a súa reunión de constitución para dar paso a un exercicio singular marcado non só pola COVID, senón pola intensa actividade e polos fitos históricos e decisivos para o futuro da institución aprobados todos eles por unanimidade.

O exercicio de 2020 quedará nos anuarios como o do visto bo ao proxecto de rehabilitación dos edificios centrais, á construción do inmoble para arqueoloxía en Valdecorvos, á aprobación da nova imaxe corporativa e á adquisición definitiva do álbum ‘Nós' de Castelao, un dos fondos máis singulares para as súas coleccións propias. Todos estes temas serán afrontados no actual 2021 como os eixos de traballo a consolidar.

O vicepresidente César Mosquera considera que o traballo do Consello Asesor, integrado pola arqueóloga Beatriz Comendador, o empresario das industrias culturais Kin Martínez, a directora de Esdemga Lola Dopico, a artista Menchu Lamas, o crítico de arte Ramón Rozas, a arquitecta Teresa Táboas e o pedagogo e escritor Xaime Toxo, ten "demostrado" nas súas diferentes xuntanzas a súa dedicación, compromiso e entusiasmo co Museo de Pontevedra.

"O Museo de Pontevedra ten un atractivo grandísimo e merecía asesores de grande currículo e valía individual, unha mestura de persoas novas e de idade, de miradas de mulleres e homes que están a enriquecer á institución e facéndoa máis grande de cara ao futuro, incorporando unha maior participación social e acadando unha maior independencia", subliñou o nacionalista.

Renovación constante

As e os integrantes do Consello Asesor tiveron que afrontar neste ano COVID-19 media ducia de reunións presenciais e telemáticas para tratar temas chave para o futuro do Museo e para botar a andar o Plan Xeral de Acción do Museo presentado polo seu actual director, Xosé Manuel Rey, a cinco anos vista. Un dos aspectos máis salientables foi a aprobación da proposta para a rehabilitación dos inmobles centrais no centro histórico de Pontevedra cunha conexión mediante un gran soto. Esta proposta está actualmente en fase administrativa coa aprobación da modificación do Peprica e de redacción do proxecto. Tamén está en fase de deseño o deseño da construción do novo edificio de Valdecorvos que albergará as coleccións de arqueoloxía que actualmente saturan as instalacións ao ser o Museo a institución de referencia para salvagardar os achádegos. O Consello considerou boa solución tanto a proposta de rehabilitación dos edificios do centro histórico como o novo inmoble de Valdecorvos na súa sesión do 27 de xaneiro.

Xusto antes do confinamento, o 13 de marzo, o Consello celebrou unha reunión presencial na que se abordou a nova imaxe corporativa do Museo, para a que se presentaran 37 candidaturas, todas elas dunha grande solvencia e estilos diferentes, dende máis clásicos a máis arriscados. Neste primeiro encontro seleccionáronse catro propostas, invitándoas a participar na seguinte fase previa á adxudicación do contrato. Finalmente foi a idea da deseñadora Uqui Permui a que foi seleccionada para substituír a antiga imaxe de Alejandro de la Sota. O novo ‘logotipo', presentado nun acto formal a mediados do mes de xullo, reúne as características esenciais solicitadas: é icónico, ten flexibilidade de uso e fai alusión a elementos do Museo: os arcos dos diferentes edificios e do peite do tesouro de Caldas.

O 30 de setembro, nun novo encontro, o Consello aprobou a definición de criterios para as compras, doazóns e legados, pola falta de espazo do Museo e deu o visto bo ao actual novo protocolo de incremento patrimonial, que rexerá dende agora reducindo a subxectividade da toma de decisión e sublimando que non se admitirán dende agora condicións ás doazóns e depósitos que se fagan no futuro.

Na última reunión, o 4 de novembro, o nivel de importancia dos temas a tratar non baixou e deuse conta do vencemento do depósito da colección ‘Nós' de Castelao e da súa posibilidade de compra, coñecendo as conversas mantidas coa familia vendedora, para subliñar o interese para o Museo de ter en propiedade os 51 orixinais.