Noticias

A Deputación reformula o futuro dos edificios do Museo e decide iniciar "xa e por fases" a rehabilitación dos edificios centrais do Museo

O vicepresidente, Mosquera, sinala que "non se debe agardar máis" e destaca que inicialmente só se unirán de forma soterrada o Castro Monteagudo e o García Flórez


23 xullo 2021
Consello Aseosor do Museo

A Deputación acaba de reformular fondamente as propostas que manexaba para as infraestruturas do Museo de Pontevedra: iniciará a rehabilitación dos edificios centrais "xa e por fases", comezando por unha unión soterrada simple entre os inmobles Castro Monteagudo e García Flórez, e deixará en stand by a viabilidade do gran soto de conexión co Fernández López , así como a construción do novo edificio de Valdecorvos.

O vicepresidente, César Mosquera, fixo hoxe este anuncio destacando a existencia de varios condicionantes e indeterminacións que levaron á decisión actual: a falta de garantías de financiamento e colaboración doutras institucións -tanto da Xunta como do Estado-, así como a máis que posible incorporación de Santa Clara como edificio do Museo.

A pesares de que durante o último ano estívose avanzando neses proxectos o nacionalista considera que é urxente actuar non se pode agardar máis para atacar o proxecto completo dos inmobles históricos: "É a matriz do Museo e hai que recuperala. (…) Hai que arrancar", dixo, nunha opinión compartida polo Consello Asesor. Este, de feito, reuniuse onte para tratar o asunto de maneira monográfica nun encontro que durou máis de tres horas no que se puxo de manifesto que Santa Clara será "estratéxica" para o futuro do Museo.

A folla de ruta a seguir agora será avanzar na rehabilitación nunha primeira fase de conexión entre o García Flórez e o Castro de Monteagudo, deixando para unha segunda fase a posibilidade de unión mediante un gran soto co Fernández López. Nos próximos días manterase unha reunión co Departamento de Patrimonio, presentarase un proxecto para as conexións verticais dos dous inmobles e realizarase o estudo das catas arqueolóxicas para realizar o proxecto final da primeira conexión. Ao tempo, continuarase na aprobación da modificación do Peprica, que terá o visto bo inicial previsiblemente en dúas semanas, e pedirase a licencia de obra.

Recibíronse xa, segundo dixo Mosquera, os resultados do novo estudo de patoloxías feito para actualizar o de 2014, sen grandes novidades: non hai forxado ou placa que cumpra as condicións de seguridade, e a estrutura dos muros está relativamente ben salvo puntos localizados a reforzar.

O obxectivo é que neste ano se inicien as obras da primeira fase. O custo previsto, segundo o vicepresidente, será "caro" porque estas rehabilitacións son "endemoniadas e complexísimas", destacando que as estimacións anteriores, só para as instalacións de ascensores, climatizacións e outras necesidades, roldaban os 1,6 millóns de euros. As cifras reaxustaranse co obxectivo de que sexan razoables pero sempre facendo a obra o mellor posible "e non con solucións frouxas".

En canto ao destino dos edificios, o Castro de Monteagudo destinarase a espazo didáctico, o que permitirá salvar obrigas de climatización que tería que cumprir no caso de ser zona expositiva; e o García Flórez quedará en reserva, probablemente para exposicións puntuais e pechadas en si mesmas que non precisen relación ou continuidade co resto das coleccións do Museo.

As futuras decisións

A incorporación definitiva de Santa Clara como edificio do Museo e a consecución de fondos doutras administracións serán chaves para as vindeiras decisións.

Unha vez que se cumpran os condicionantes para que o convento poida utilizarse como zona de exposicións tras a súa adquisición definitiva por parte do Concello -que se garanta que é tecnicamente viable e funcional como museo e que a horta sexa de uso público- será o momento de valorar canto custará o acondicionamento e comparalo co custo das obras do gran soto de conexión dos edificios centrais (a segunda fase). "Dependerá de se hai axudas ou non, cartos europeos... Os cartos non son infinitos e, cos mesmos fondos, nos edificios centrais conseguimos 1.900 metros e en Santa Clara case 6.000, saímos gañando", dixo Mosquera adiantando parte da decisión.

En canto a Valdecorvos, o vicepresidente sinalou que é un proxecto que se puxo sobre a mesa, principalmente, para poder albergar todas as pezas arqueolóxicas que chegan de escavacións dependentes da Xunta de Galicia. Neste sentido, recoñeceu que a Deputación agardaba unha maior receptividade do Goberno galego. "Tivemos reunións, pasou a COVID-19, houbo outras prioridades e a día de hoxe non hai garantías", dixo, lembrando tamén que poderá abordarse a nova construción de conseguir fondos europeos ou calquera outra inxección económica.

Audios

  • Audio