Noticias

"O concello de Mondariz ten unha gran potencialidade para recuperar o seu espazo urbano"

O asesor provincial de mobilidade, Jesús Fole, visitou hoxe o municipio e reunirase coa técnica municipal nas vindeiras semanas para marcar as directrices que se van seguir


20 out 2015

O asesor provincial de mobilidade, Jesús Fole, asegurou hoxe que o concello de Mondariz ten unha gran potencialidade para recuperar o seu espazo urbano. Fole visitou o concello da man do alcalde e da tenente de alcalde e sinalou que os espazos públicos da vila, actualmente invadidos polos coches, son facilmente recuperables se hai decisión e valentía política. O técnico provincial puxo sobre a mesa o ofrecemento dunha total colaboración e asesoramento técnico por parte da Deputación de Pontevedra para acadar unha visión global da mobilidade que priorice os tránsitos peonís e aposte pola calidade urbana, dándolle ao concello de Mondariz "un plus de accesibilidade" que o faga máis atractivo.

Jesús Fole foi requirido polo Goberno local de Mondariz para visitar o concello, e coñeceu in situ a praza de España e outros núcleos de centralidade da vila coma o mercado, o cemiterio ou varios sendeiros.

O alcalde, Xoán Carlos Montes Bugarín, trasladoulle a intención do novo Goberno local de atraer poboación ao concello, que nestes momentos está perdendo habitantes e non frea o seu declive. Boa parte dos veciños de Mondariz teñen o seu traballo en Vigo e a intención do rexedor municipal, segundo entendeu Fole, é ofertar unha tipoloxía urbana diferente e alternativa á da cidade olívica coa calidade urbana como referente.

O obxectivo, así, é recuperar espazos públicos para crear un entramado urbano que teña en conta as persoas como protagonistas, que sexa atractivo para novos veciños, idea que coincide coas formulacións que manexa a Deputación de Pontevedra en materia de mobilidade. "Mondariz ten un potencial brutal. Os espazos están aí. Hai vivendas e unha tipoloxía de construcións moi ben conservadas que se poden poñer en valor. O patrimonio arquitectónico da vila pode ter moitas posibilidades se se actúa nos espazos públicos. Isto é un círculo vicioso. Os nenos non saen á rúa porque as prazas e as rúas non son seguras e así é igual vivir nunha vila onde hai vivendas unifamiliares que en pisos. Se a Mondariz se lle aporta o plus da calidade urbana os cidadáns ocuparán os espazos públicos e iso servirá de acicate para atraer novos veciños. O Goberno local está no momento en que pode decidir se actúa", subliñou Fole.

Co fin de avanzar de forma conxunta na dirección da recuperación do espazo urbano o asesor provincial comprometeuse a reunirse coa técnica municipal que redactará os primeiros proxectos de reforma da vila para achegar directrices de como se deben realizar as novas actuacións. En calquera caso desde o Goberno local asegurouse que, ante a falta de orzamentos para abordar a curto prazo unha reforma global, se irán recuperando espazos e pechando accesos aos vehículos, para logo cambiar materiais e deseños en futuras obras.

Jesús Fole tamén recolleu a petición de mellora de varias estradas provinciais dentro do termo municipal. Como principal actuación desde o Concello solicitouse a reforma da vía que conecta con Mondariz-Balneario.


Novas relacionadas


26 xaneiro 2017, cultura, mondariz, festas, fiestas, medio natural