Noticias

Mondariz presenta a súa primeira guía do patrimonio natural e cultural

Inclúe os puntos máis destacados de todas as parroquias, os servizos do comercio e da hostalería local e o calendario de festas e festivais


26 xaneiro 2017

O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, o alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes Bugarín, e a tenenta de alcalde, Mónica Peralba, presentaron esta mañá a guía Mondariz, auga de amores. Guía do patrimonio cultural e natural. Trátase dun documento editado no marco da liña de axudas para a dinamización do galego que convocou por primeira vez a Deputación de Pontevedra durante o pasado exercicio. A guía está impresa en galego e inclúe un código QR que permite acceder aos contidos tamén nos idiomas español e inglés.

O deputado de Cultura e Lingua fixo fincapé durante a súa intervención na importancia de "atraer visitantes e poñer en valor o patrimonio nos concellos, e neste sentido hai que lembrar que a propia lingua é un patrimonio moi importante de todos os galegos e as galegas". Unha idea na que coincidiu o rexedor da localidade, que asegurou que "o primeiro turista que queremos atraer é o máis próximo e para iso en galego entendémonos todos".

Xosé Leal tamén asegurou que este tipo de iniciativas van na liña de fomentar a transversalidade da lingua xa que abrangue eidos coma a cultura, o turismo e a promoción do comercio. Neste sentido, o deputado nacionalista anunciou que "neste ano 2017, que será o Ano do Patrimonio, desde a Deputación seguiremos apostando pola dinamización da lingua e tamén pola recuperación de elementos patrimoniais, polo que estas dúas liñas de axudas volverán ser convocadas neste exercicio". Pola súa banda, Xoán Carlos Montes Bugarín tamén indicou que "esta guía é un primeiro paso para poñerse no mapa turístico do país e do Estado e poñer en valor os nosos puntos fortes, aproveitando a proximidade de Mondariz-Balneario".

Baixo o título Mondariz, auga de amores pode facerse un percorrido por todas as parroquias do concello, salientando os puntos imprescindibles nunha visita como poden ser o castelo de Sobroso, a ponte da Cernadela ou os petróglifos, praias fluviais e rutas de sendeirismo. Tamén inclúe todos os servizos do comercio local e dos locais de hostalería a través dunha xeorreferencia, así como o calendario de festas e festivais que se celebran ao longo do ano neste concello.