Noticias

O concello das Neves dá un novo paso na recuperación do espazo público na vila co Plan ReacPon da Deputación

A actuación suporá a humanización da Travesía Eira da Liñaza enmarcada no modelo provincial de mobilidade sostible e nos ODS da Axenda 2030


11 xaneiro 2022
Firma do convenio ReacPon As Neves

O Plan ReacPon da Deputación facilitará ao concello das Neves poder dar un novo paso cara á progresiva recuperación de espazo público na vila coa cofinanciación do proxecto de humanización da rúa Travesía Eira da Liñaza, cuxo convenio asinaron hoxe en Pontevedra a presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, acompañados do vicepresidente provincial César Mosquera. Cun investimento total de case 400.000 euros, dos que a Deputación achega 359.798, a actuación está enmarcada no modelo de mobilidade sostible, a recuperación do espazo público para o uso da veciñanza, e nos obxectivos da Axenda 2030 e da Rede de Concellos Ágora polo Espazo Público.

A presidenta Carmela Silva, puxo en valor "a claridade" que está a ter o Concello das Neves na súa firme "aposta sostibilidade, a accesibilidade, a mobilidade amable e pola recuperación do espazo público e por poñer ás persoas no centro de todas as decisións políticas", con actuacións como esta humanización. "Non é o primeiro proxecto que se fai con estas características –destacou- e este concello ten unha enorme capacidade e iniciativa para tomar decisións transformadoras". "Estou segura, dixo, de que esa construción de vilas amables ten unha enorme capacidade de fixar poboación e atraer a xente aos concellos, porque a xente quere vivir onde se vive ben".

A presidenta subliñou que a actuación cumpre os obxectivos da Axenda 2030 e "polo tanto cos proxectos de transformación mais avanzados que hoxe se están demandando". "Creo que entre o goberno local e a Deputación  a transformación que se ten feito nas Neves é moi visible e iso é unha aposta moi seria por ter unha provincia que se diferencia neses valores de sostibilidade que hoxe son a gran demanda e unha responsabilidade que temos". Carmela Silva defendeu así mesmo "o respecto á autonomía municipal" que representa tanto este como os outros plans da Deputación: "Cremos que quen ten a lexitimidade para tomar decisións de investimentos son os alcaldes e alcaldesas elixidos pola cidadanía que se presentaron cun proxecto e son eles quen ten que desenvolver ese proxecto que conta co aval da veciñanza".

 

Pola súa banda, o alcalde Xosé Manuel Rodríguez, destacou o Plan ReacPon como "un chanzo máis nunha maneira de entender o papel que ten que cumprir a Deputación respecto dos concellos, na que se pon por diante a capacidade de xestión e a autonomía municipal; creo que desde o municipalismo estamos todas as institucións locais moi satisfeitas desa maneira de facer que a Deputación ten adoptado xa desde o 2015 e quero deixar claro o noso agradecemento por esa forma de entender a acción política". O rexedor sinalou que o proxecto na rúa Eira da Liñaza é "o corazón" do proxecto de peonalización que o Concello quere levar a todo o seu territorio. Nese senso, apuntou que a rúa obxecto de actuación está situada xunto a dotacións públicas como o colexio, a escola infantil ou o pavillón e próxima as rúas San Agustín e Rosalía de Castro, arranxadas con anterioridade tamén con fondos provinciais. "Construímos un espazo peonil que cambiou aquel ámbito –explicou Rodríguez- e agora isto é unha peza que conforma o itinerario pequeno do que é o gran proxecto de peonalización do concello". "É o que chamamos ‘Vive nas Neves' –engadiu-. Como queremos vivir, e como queremos atraer poboación e fixala nun concello como o noso que está na fronteira entre perder poboación e intentar gañala. E conseguir un obxectivo fundamental, que é facernos desexables. Que se veña porque se desexa vir ás Neves. E este proxecto disparará ese desexo de querer vir".

O vicepresidente César Mosquera deu os parabéns ao alcalde pola boa puntuación acadada polo proxecto. Subliñou que a axuda outorgada pola Deputación foi conseguida polo concello por méritos propios, "nada regalado", ao ter presentado un proxecto de calidade para a recuperación do espazo público. O vicepresidente lembrou que o goberno provincial, á hora de poñer en marcha o programa ReacPON tiña tres obxectivos: poder cumprir soños municipais dificilmente abordables cos orzamentos ordinarios, inxectar fondos para dinamizar a economía, e tamén facer que os proxectos presentados polos concellos estivesen aliñados coa Axenda 2030 ou o ‘Next Generation' coa idea de acadar posible financiamento comunitario e así poder liberar recursos provinciais que redundarían nos concellos para outros investimentos.

O proxecto

Unha vez humanizada, a Rúa Eira da Liñaza terá prioridade peonil para xerar así un espazo de convivencia onde o acceso de vehículos sexa case exclusivamente para as persoas residentes e o escaso tráfico o faga nun espazo cunha clara vocación peonil. Limitaranse tamén as zonas de aparcamento para cumprir cun mínimo para uso dos e das residentes.

Estableceranse franxas verdes ao longo do seu trazado, outorgándolle a rúa un aspecto amable para fomentar a mobilidade a pé e permitir as conexións medioambientais. Amais, executarase un miradoiro con vistas ao Río Miño e a súa orografía, readaptando este espazo público para un uso plural e de interese na zona, na busca da recuperación de lugares de calidade para as persoas. Finalmente, acondicionaranse as redes de servizo existentes, mellorando a rede de fecais, e executando novas redes de pluviais e abastecemento en toda a rúa, debido ao seu estado deficiente. Ademais, instalaranse puntos adicionais do alumeado público naquelas zonas onde o requiran, garantindo plena visibilidade en toda a rúa para o seu uso peonil.

O Plan da Deputación ReacPon, dotado con 26,3 millóns de euros, beneficiará a 47 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. Contou con bases esixentes e criterios obxectivos, aberto a proxectos maduros que contribúan a unha economía descarbonizada e á consecución dos obxectivos fixados na Axenda 2030 e nos fondos europeos. O programa suporá nestes concellos, ao longo do próximo ano e medio, a execución de ata 25 actuacións de mobilidade segura, tres novas bibliotecas, cinco reformas de casas consistoriais, cinco reformas de espazos culturais, a ampliación ecolóxica dun cemiterio, e oito novas infraestruturas deportivas. 

 

Vídeos

Audios

  • Audio