Noticias

Arranca o proceso da futura Casa das Artes de Catoira coa firma do convenio do Plan ReacPon

A presidenta da Deputación e o alcalde de Catoira asinan o convenio para que a antiga casa consistorial se converta nun icónico centro cultural que albergará as escolas de gaita e danza, música, teatro e artes plásticas


05 xaneiro 2022
Sinatura convenio ReacPon Catoira

Cun investimento de case medio millón de euros (449.248,80 €), Catoira arrancou hoxe o proceso que converterá a antiga Casa Consistorial do Concello na futura Casa das Artes, un emblemático centro que acollerá as escolas de gaita e danza, música, teatro e artes plásticas da vila. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde, Alberto García, asinaron o convenio, enmarcado no Plan ReacPon, polo que a institución achegará 381.861,48€ e o concello 67.397,67 €. O proxecto, que está listo para saír a licitación, suporá a esperada reforma da que foi casa do Concello, situada no centro do pobo e con boas conexións con todo o territorio, recuperando así un edificio emblemático que, amais, será accesible, eficiente e descarbonizado, seguindo a liña dos obxectivos do programa ReacPon, o plan máis ambicioso de investimentos da historia da Deputación, destinado á reactivación económica e social da provincia.

A presidenta provincial, Carmela Silva, subliñou que a actuación é exemplo dos proxectos "moi maduros e moi traballados" que presentaron os concellos da provincia para o seu financiamento, "que se basean nas novas transformacións que se promoven incluso desde os novos fondos europeos e os Next Generation". "É unha actuación que ten moito que ver coas novas transformacións que temos que facer  –destacou-. Na nova Casa das Artes todas as escolas municipais do concello van ter espazos para desenvolver as súas actividades. Amais de promover a cultura, é moi interesante ter nun único edificio todas as escolas e supón un novo modelo que debemos promover".

O alcalde Alberto García agradeceu a posta en marcha do Plan ReacPon que permitirá dar unha nova vida ao antigo edificio da Casa Consistorial. "Este edificio –explicou- estaba xa deteriorándose pola falta de utilización, porque da forma que estaba non se lle podía dar o uso que agora pretendemos". Lembrou que Catoira ten varias escolas municipais, como a de música, pandereteiras, gaitas, artes plásticas ou teatro, que agora acollerá esta nova sede, que tamén albergará a radio municipal. "É algo moi importante para Catoira, porque todas estas actividades estaban ciscadas en diferentes locais e agora estarán alí cunhas instalacións dignas grazas a este plan", salientou.

O vicepresidente César Mosquera, pola súa banda, sinalou que a sinatura do convenio para a Casa das Artes "é como un regalo de Reis" para o concello de Catoira. Indicou que ao concebir o ReacPON o goberno provincial tiña como principal obxectivo dar aos concellos recursos extraordinarios que permitisen "cumprir soños" e realizar proxectos aos que non chegarían cos seus fondos habituais, ademais de poñer en marcha un plan de choque para reactivar a economía e tamén cumprir as condicións e normativas da Unión Europea para optar a cartos comunitarios. Mosquera deu os parabéns ao alcalde Alberto García por ter feito un proxecto serio que suporá unha das obras máis importantes para Catoira nos últimos anos.

O proxecto da Casa das Artes 

A futura Casa das Artes, que servirá tamén para fomentar e concienciar sobre o uso eficiente dos recursos, contará cun grande salón, polivalente, onde se poderán levar as actividades das escolas, disporase dun tabique móbil para poder delimitar os espazos en función das necesidades e haberá ademais un espazo aberto que se destinará a zona de estudo e uso de tecnoloxías. O novo espazo será totalmente accesible e dotarase de ramplas e ascensor. Tamén se converterá nun lugar descarbonizado, cunha envolvente térmica óptima, con máquinas de climatización e produción de auga quente sanitaria eficiente e paneis fotovoltaicos que producirán a enerxía que se vai consumir.

Melloraranse igualmente os illamentos térmicos para optimizar o consumo de enerxía e apostarase por sistemas renovables, paneis acústicos e sistemas e materiais que garantan as condicións de hixiene, saúde e protección do medio ambiente.

O Plan da Deputación ReacPon, dotado con 26,3 millóns de euros, beneficiará a 47 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. Contou con bases esixentes e criterios obxectivos, aberto a proxectos maduros que contribúan a unha economía descarbonizada e á consecución dos obxectivos fixados na Axenda 2030 e nos fondos europeos. O programa suporá nestes concellos, ao longo do próximo ano e medio, a execución de ata 25 actuacións de mobilidade segura, tres novas bibliotecas, cinco reformas de casas consistoriais, cinco reformas de espazos culturais, a ampliación ecolóxica dun cemiterio, e oito novas infraestruturas deportivas.

Fotos

Vídeos

Audios

  • Audio