Noticias

O berro de "basta xa" ao machismo asasino abre a xornada da Escola María Vinyals na que Carmela Silva reclamou "medidas inmediatas" tras os crimes desta semana

"É un berro a todas e todos os que teñen capacidade de decidir, pero tamén ao conxunto da cidadanía porque isto é insoportable, estamos fartas"


27 setembro 2018
Apertura da xornada da Escola María Vinyals

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto á deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, inaugurou esta mañá no castelo de Soutomaior a xornada "Profesionais pola Igualdade" enmarcada na Escola de Igualdade María Vinyals. Ante un auditorio ateigado de xente e tralos "tráxicos" acontecementos desta semana, a presidenta provincial reclamou "medidas xa, non queremos máis minutos de silencio, queremos un berro de rexeitamento e repulsa ante este sistema patriarcal que fai que as mulleres teñamos que padecer todo tipo de desigualdades".

Carmela Silva amosou a súa indignación ante os asasinatos acometidos nos últimos días. "Estamos ante unha semana terrible, na que o machismo asasino puxo fin á vida de dúas nenas e dúas mulleres e hoxe novamente doutra en Málaga polo mero feito de ser mulleres. Xa non queremos máis palabras, máis minutos de silencio, queremos medidas xa e por iso, en todas as cadeiras deste salón colocamos un cartel que queremos que sexa un berro de rexeitamento e repulsa", manifestou a presidenta ao tempo que as persoas do auditorio levantaban os carteis e reclamaban "Basta xa! #NinUnhaMenos".

A presidenta da Deputación tamén asegurou que "precisamos que a sociedade se comprometa cos valores, principios e dereitos da igualdade xa que non hai nada máis importante e xusto". Neste eido, Silva recordou que "as mulleres somos o 52 % da poboación e polo tanto o que estamos defendendo e que teñamos os dereitos que nos corresponden, nada máis e nada menos". Por estes motivos, a presidenta agradeceu a alta participación na xornada "Profesionais pola Igualdade" xa que "a vosa presenza aquí é unha mostra do compromiso que tendes coa igualdade".

En canto ao eixo temático da xornada "Profesionais pola Igualdade", a presidenta reivindicou a necesidade da formación en xénero, en igualdade, desde o berce e de contar con persoas profesionais cualificadas na materia para poder transformar a sociedade. "Non vale que haxa axentes de igualdade se non teñen formación feminista, se o feminismo non se leva alí onde se toman decisións, pero tampouco se non teñen unha posición relevante, visible respectada", asegurou Silva.

Neste eido, a presidenta da Deputación enxalzou a aposta da Escola de Igualdade María Vinyals e o seu papel para reflexionar, debater e propoñer medidas para transformar de forma inmediata a sociedade. Tamén aproveitou para reivindicar a necesidade de que as administracións públicas escoiten á sociedade e aposten por atraer a persoas con coñecemento para tomar decisións intelixentes".

A xornada "Profesionais pola Igualdade" contará ao longo do día coas persoas máis relevantes do Estado no eido da Igualdade, "persoas que teñen un compromiso real por cambiar a sociedade como Rosa Cobo, Mercedes Renda, Inmaculada Sánchez, Celso Taboada, Marián Mur, María Álvarez Lires e Silvia Buabent", adiantou a presidenta.

Fotos


Novas relacionadas

Escola de Igualdade María Vinyals

26 setembro 2018, igualdade, soutomaior, escola de igualdade maría vinyals