Noticias

O alumnado do Carlos Oroza sorprende no mercado de Pontevedra co "Degusta Europa"

A Deputación de Pontevedra reivindica con esta campaña a gastronomía dos camiños xacobeos, os produtos locais e pon en valor as prazas de abastos da provincia


05 maio 2017
Degusta Europa

O alumnado do centro Carlos Oroza sorprendeu hoxe no mercado de Pontevedra polas súas preparacións dentro da campaña "Degusta Europa. Gastronomía no Camiño". Esta campaña da Deputación de Pontevedra achegouse hoxe ata o mercado de Pontevedra, nun acto no que estiveron presentes a deputada provincial, Montse Magallanes, e a concelleira de Turismo, Anabel Gulías.

A campaña harmoniza os produtos de proximidade e trata de recuperar a imaxe dos mercados da nosa provincia, converténdoos nun atractivo para aquelas persoas camiñantes que percorren as distintas variantes dos camiños de Santiago. Ademais pretende dar a coñecer o traballo que fan as dúas escolas de formación profesional en hostalaría que contamos na provincia. O Carlos Oroza en Pontevedra e o Manuel Antonio en Vigo.

Montse Magallanes subliñou hoxe "o traballo que está facendo o alumnado do Carlos Oroza que nos mostra que cos nosos produtos do mar e da terra podemos facer unhas preparacións que nalgúns casos parecían inimaxinables". Magallanes recordou que se trata da segunda edición deste programa que conxuga a recuperación dos mercados municipais coa gastronomía e, nesta ocasión, facendo un percorrido por aquelas vilas que son atravesadas polos camiños que nos trasladan a Santiago de Compostela.

Hoxe precisamente foi o alumnado do Carlos Oroza o que preparou tres pratos que sorprenderon aos visitantes do mercado de Pontevedra. "Fritos do camiño con salsa mariñeira ao estragón" (peixiños, mexillóns, chulas de bacallau portugués, patacas e salsa mariñeira ao estragón). Arroz caldoso de mariscos (arroz, mexillóns, berberechos e peixiños). Ensalada de xarda mariñada (xarda, leituga, tomate e vinagreta).

"Degusta Europa. Gastronomía no Camiño", que o pasado ano repartiu arredor de 10.000 tapas entre milleiros de persoas, está a percorrer diferentes concellos da provincia de Pontevedra que son puntos neurálxicos dos camiños a Santiago de Compostela. O programa, que comezou en Vigo, continuou en Tui e Baiona, e hoxe se achegou a Pontevedra e seguirá nas próximas semanas nos mercados do Grove (xoves 11 de maio de 11 a 12 horas) e Soutomaior (12 de maio de 12 a 13 horas) con degustacións elaboradas pola Escola de Hostalaría Carlos Oroza. 


Novas relacionadas