Noticias

Mosquera: "Os cambios substanciais para mellorar unha cidade pódense facer en tres anos"

O vicepresidente da Deputación asegurou en Italia que a experiencia de Pontevedra pode axudar a outras cidades


08 dic 2016
Cidades amigas d@s nen@
Cidades amigas

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, asegurou hoxe en Roma que "os cambios substanciais para mellorar unha cidade pódense facer en só tres anos". Así o indicou estes días en Italia durante a súa participación na convención de Cidades amigas d@s nen@s celebrada en Roma e no encontro de ‘Cittá delle bambine e dei  bambibi. Un'opportunità per il futuro' que se está a realizar en Fano co gallo do 25 aniversario do proxecto do pedagogo italiano Francesco Tonucci.

Mosquera asistiu a ambos seminarios convidado polo propio Tonucci, xunto ao asesor provincial de Mobilidade Jesús Fole, para dar a coñecer o exemplo de Pontevedra como cidade adaptada á medida dos nenos e nenas, e facer pública a iniciativa da Deputación de estender a filosofía a toda a provincia de Pontevedra.

Nas súas exposicións, mediante un formato de pregunta resposta, Mosquera fixo unha reflexión práctica de como deben actuar os gobernos locais para deseñar cidades habitables recuperando o espazo público para as persoas. Neste sentido, subliñou que non é preciso moito tempo para obter bos resultados facendo modificacións na maneira de deseñar e utilizar prazas ou rúas. "En Pontevedra os principais cambios na cidade fixéronse ata o 2002, en apenas tres anos", destacou, para invitar a outras vilas –independentemente do seu tamaño- a seguir o exemplo da capital das Rías Baixas, posto que, ao seu entender, é perfectamente exportable: "A pesares das diferencias profundas na cultura urbana todos temos un mesmo obxectivo. Podemos chegar a puntos de encontro e axudarnos uns a outros", subliñou.

O hábitat ideal?

Pola súa banda, Jesús Fole fixo unha análise da relación que existe entre a "planificación e as persoas, o urbanismo e a infancia", tratando tres aspectos clave: "Son as cidades para as persoas? Son seguras? Son un hábitat ideal?". Neste sentido, Fole destacou que ata agora o automóbil era o que estruturaba o deseño das vilas, creando cidades dispersas custosas de construír e de manter.

O asesor provincial puxo de manifesto a necesaria actuación sobre a velocidade á que transitan os vehículos e destacou que as medidas de calmado de tráfico reducen en máis de dous tercios o número de accidentes e de vítimas de violencia viaria, facendo referencia así ao Plan Móvese da Deputación. "Convertemos o noso contorno vital nun contorno mortal, nun hábitat hostil no que os nenos xogan no interior de gaiolas coma hamsters e as persoas maiores quedaron relegadas ao fogar porque non saen das casas xa que non están a gusto nin senten o confort nin a seguridade que debería ter o espazo público… Isto supón o fin da vida urbana", salientou.

Por iso apostou pola urxencia de repensar a forma de "facer cidade ou recuperar a cidade", asegurando que "para transformar o noso mundo é preciso transformar as nosas cidades". "É preciso un cambio de prioridade na planificación urbana poñendo á persoa como medida de todas as cousas, e é a Administración a que debe liderar e garantir os procesos para acadar maior calidade de vida. Debe definir e defender o espazo público para as persoas e para a infancia", insistiu.

Por último, o arquitecto mostrou un exemplo-proposta de recuperación dunha das prazas máis importantes da vila de Fano, apostando por facer peonil o seu centro histórico e eliminar aparcamento e tránsito dun dos contornos máis emblemáticos da localidade (preto do Cardus Maximus). A proposta, visualizada cunha recreación fotográfica, foi acollida cun sonoro aplauso por parte do público e do alcalde do municipio, quen recolleu o guante da posible actuación.

Pontevedra, a referencia

A viaxe do vicepresidente e do asesor provincial comezou a principios de semana en Roma, coa súa participación no Seminario da CNR coa exposición ‘Pontevedra, unha cidade á medida dos nenos e as nenas', onde estiveron varios alcaldes da Lazio que xa visitaran en persoa Pontevedra semanas atrás. Hoxe mércores, os representantes da Deputación fixeron unha intervención no Muselo della Flaminia de Fano (vila natal de Tonucci), na que compartiron mesa con outros representantes italianos que falaron das súas experiencias ao aplicar melloras urbanas para permitir desenvolver aos nenos e nenas a súa autonomía.

Finalmente, mañá xoves, ademais de visitar diferentes concellos de maneira individualizada para aportar a experiencia de Pontevedra, Mosquera e Fole asistirán á inauguración dunha nova rúa recuperada no centro histórico de Fano denominada Via Garibaldi.