Noticias

Mosquera: "O seguinte paso é implantar a compostaxe en todo o barrio de Monte Porreiro"

O vicepresidente provincial explicou que os veciños beneficiaranse dunha baixada no recibo do lixo cando se produza o cambio de sistema de tratamento


30 nov 2016
Compostaxe Monte Porreiro
compostaxe monteporreiro

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, anunciou hoxe que o barrio de Monte Porreiro implantará a compostaxe como sistema de tratamento de lixo nos vindeiros meses o que permitirá, segundo asegurou, que os veciños e veciñas da zona se beneficien dunha baixada no seu recibo.

O vicepresidente provincial realizou este anuncio nun acto no que as veciñas e veciños do barrio de Monte Porreiro recibiron o primeiro lote de compost obtido nos tres centros de compostaxe instalados pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Revitaliza. Mosquera, xunto ao alcalde Fernández Lores e varios concelleiros, así como rapaces do CEIP Marcos da Portela, tamén plantaron catro árbores co fertilizante natural obtido co lixo orgánico que a veciñanza depositou nos últimos tres meses nos centros de compostaxe. "O barrio de Monte Porreiro pode estar moi orgulloso do que está a facer. É o sitio en toda a provincia no que maior número de composteiros se instalaron de golpe, e a resposta cidadá foi extraordinaria non só en cantidade, senón tamén en calidade. Practicamente non houbo incidencias e esta primeira fase rematou cun éxito total", subliñou o vicepresidente.

Mosquera explicou que hoxe cumpríronse tres meses e un día dende que comezaron a funcionar eses tres centros de compostaxe e que, segundo os cálculos realizados polos mestres composteiros, os veciños teñen depositado máis de dúas toneladas de lixo orgánico que derivaron en aproximadamente 200 quilos de compost.  "A partir de agora cada mes sacarase unha partida de compost de 60 ou 70 quilos. Completouse o primeiro ciclo e agora o proceso só pode ir a mellor por cuestións técnicas", indicou o vicepresidente, quen destacou que cada vez estase a animar máis xente a participar na iniciativa: "Se cadra, nestes tres meses, triplicouse o número de familias que está a contribuír. Xa é preciso ampliar a capacidade porque non temos sitio para acoller aos produtores singulares do supermercado ou o colexio", explicou.

Neste sentido, o nacionalista subliñou que Deputación e Concello están a traballar para dar o seguinte paso: pasar todo o barrio á compostaxe como sistema de tratamento de lixo eliminando os colectores verdes.  A día de hoxe, de feito, estase a finalizar a revisión dos datos do plan de residuos que a Deputación está a elaborar para Pontevedra, documento no que se recollerá o número de centros de compostaxe necesarios para atender a produción de residuos orgánicos en Monte Porreiro e no resto do municipio. Inicialmente falábase de 30 composteiros máis no barrio, se ben a cifra vai baixar considerablemente.

Segundo explicou Mosquera, ademais da vantaxe que vai supoñer para o barrio ter a cantidade de compost necesaria para abonar os xardíns e a horta urbana -ademais de repartir entre os os particulares-, a veciñanza poderá beneficiarse dunha rebaixa da tarifa. "Faremos as contas e  evidentemente a compostaxe vai saír máis barata que o sistema actual", sentenzou.

Mosquera explicou que a Deputación leva investido en compostaxe durante este exercicio aproximadamente un millón de euros en toda a provincia, pero sinalou que coa modificación de crédito aprobada e o orzamento do ano próximo superaranse os catro millóns. "Como vicepresidente da Deputación a compostaxe é a miña prioridade absoluta", subliñou.

A extensión a toda a cidade, en dous anos

O alcalde de Pontevedra, pola súa parte, explicou que a instalación dos composteiros en Pontevedra supón un avance substancial na recollida, tratamento e aproveitamento dunha fracción do lixo que supón case o 50% da bolsa de residuos familiar.

Fernández Lores tamén puxo de referencia a importancia de evitar a contaminación no transporte e no tratamento en Sogama, así como o descenso do gasto –que cifrou en un millón de euros anuais para as arcas do Concello de implantar a compostaxe en todo o municipio-. Asegurou, de feito, que ese aforro permitirá destinar parte dos cartos a contratar e pagar persoal que se faga cargo dos centros de compostaxe, ademais de aforrar tamén ao aproveitar a materia orgánica como emenda para os solos e plantas. "En Pontevedra, que hai moito monte, moita canteira e moita extensión de terreos aproveitarase absolutamente todo sen custe ningún e con beneficios de tipo social, ambiental e económico", dixo.

"Este é un proxecto serio, rigoroso e que estamos empezando con moito éxito nas fases iniciais. Agardamos que en dous ou tres anos estea funcionando na súa totalidade incluída a recollida do lixo orgánico na cidade, que é un tema máis complexo porque ten que haber unha contabilización e unha planta máis industrial. Estamos contentos de como está a responder a xente, porque a súa colaboración é necesaria para que sexa posible… E penso que a xente está a responder porque está a ver os beneficios", finalizou.