Noticias

Mondariz recibe preto de 60.000 euros do Plan Concellos para a realización de dúas novas actuacións na vila

O grao de adxudicación do Plan Concellos 2018 a Mondariz sitúase nun 56,65 %, representando un investimento na vila de 497.232,92 euros


13 xullo 2018
Plan Concellos 2018-2019

A Deputación de Pontevedra aprobou, mediante sendas resolucións presidenciais, dúas axudas ao Concello de Mondariz por un valor total de 59.547,65 euros ao abeiro do Plan Concellos 2018. Trátase, nesta quenda, dunha achega de 29.932,90 euros para financiar a mellora de camiños en Frades, Sabaxáns, Mouriscados e Vilasobroso e outra de 29.614,75 euros para a mellora e pavimentación do camiño de Pontevedra. As dúas actuacións atópanse enmarcadas na liña 1, a de Investimentos, do Plan Concellos 2018.

Ademais destas cantidades, o Plan Concellos xa adxudicou anteriormente varias axudas para o concello. En concreto, 287.087,85 euros na liña 1 destinados a financiar o equipamento e mellora das instalacións do auditorio do centro social, a mellora de camiños municipais en Cernadela (Riofrio) e nos lugares de O Costal e O Coto (Sabaxans), tamén a mellora da accesibilidade e acondicionamento parcial da antiga escola Pé do Muíño para centro de formación municipal (Fase II), a dotación de infraestruturas nos campos municipais de fútbol de A Lagoa, a adquisición dunha minicargadora e cullerón varredor, a reforma de planta baixa da casa consistorial, as obras de reparación segunda fase da escola de Redo de Vilar, a adquisición de equipamento para escola de música, axuda no fogar e pavillón municipal, a adquisición de equipamentos informáticos e, tamén, a adquisición de persianas venecianas nas dependencias administrativas do concello.

No que corresponde á liña 2, a Deputación de Pontevedra adxudicou 34.774,9 euros para o Desafío Mondariz Race 2018, a XXX Feira dos Oficios Artesáns, o Open Futbolín Rías Baixas Mondariz, a III Festa Gastronómica da Carne Arreghlada, as xornadas de promoción dos queixos de embutidos, as festas infantís con inchables, a Feira do Pan, o cine de verán na rúa e o II Ciclo Corais Outono en son. E tamén, outros 115.822,52 euros foron destinados á contratación de 19 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello, dentro da liña 3 do Plan Concellos 2018.

Ata este momento, o Plan Concellos 2018 xa entregou 497.232,92 euros do total destinado a Mondariz, isto é, o 56,65 %.