Noticias

Mondariz recibe 30.000 euros do Plan Concellos 2017 para deseñar e instalar un quiosco de madeira na praia fluvial de Ceo

A institución provincial xa entregou o 48 % do total destinado a Mondariz dentro do plan, cun investimento aprobado de arredor de 235.000 euros


16 maio 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través dunha Resolución presidencial, unha nova axuda ao Concello de Mondariz no marco do Plan Concellos 2017, dentro da súa liña 1 de Investimentos. Nesta ocasión, a institución provincial achegará a cantidade de 29.949,92 euros para o financiamento do deseño e a instalación dun quiosco de madeira na contorna da praia fluvial de Ceo.

Ao abeiro do Plan Concellos 2017, anteriormente a institución provincial xa destinara a Mondariz 75.065,45 euros na liña 1 para o financiamento da mellora do abastecemento de Vilar, da pavimentación de camiños nas parroquias de Gargamala e Sabaxáns e da mellora do camiño Casares. Por outra banda, 16.810,78 € en liña 2 para actividades como a Feira do pan, a II Festa Gastronómica da Carne Arreghlada, Primavera e Son ou o cine de verán na rúa e, finalmente, outros 113.116,61 € para a contratación de 17 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da localidade, a través da liña 3 de Emprego do plan.

Coa suma desta nova achega, Mondariz xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 46,8 % do total do investimento que lle corresponde dentro do Plan Concellos 2017, isto é, 234.942,76 euros dun total situado por enriba dos 500.000 €. Este ano Mondariz recibiu, ademais, un 8,5 % máis do que percibiu a través do Plan Concellos 2016.