Noticias

Milleiros de persoas visitaron, no Pazo provincial da Deputación, a exposición sobre o 75 aniversario do Pontevedra C. F.

Este luns 9 de xaneiro será o último día para ver esta mostra, que inclúe fotografías, uniformes orixinais de distintas épocas e algúns dos trofeos máis importantes do club


07 xaneiro 2017
exposición do 75 aniversario do Pontevedra C.F

A exposición que repasa os 75 anos de historia do Pontevedra Club de Fútbol, comisariada polo xornalista Xabier Fortes, foi visitada xa no Pazo provincial por varios milleiros de persoas desde a súa apertura, o pasado 10 de outubro.

Grupos de escolares e de integrantes de colectivos cidadáns, así como persoas que aproveitaron para coñecela cando se achegaban á sede da Deputación para facer xestións, puideron observar, a través de paneis e obxectos orixinais, a evolución dun conxunto deportivo que acadou unha gran sona nestas décadas coa súa frase dos partidos vitoriosos: "Hai que roelo".

A historia do Pontevedra C. F. cóntase a través de ducias de fotografías, uniformes orixinais de distintas épocas, algúns dos trofeos máis sinalados da historia do club e un álbum de recortes con noticias salientables sobre este conxunto, que se converteu nun referente para o deporte na cidade do Lérez, que leva e dá a coñecer o seu nome .

A mostra, inaugurada pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a presidenta do club, Lupe Murillo, foi a primeira acción dun amplo programa de actos organizado pola comisión do 75 aniversario, coma unha serie de diálogos, debates e coloquios, que tiveron lugar no Teatro principal, nos que participaron persoeiros relacionados co mundo do deporte ou da comunicación.

Este luns 9 de xaneiro, de 8:00 a 20:00 horas, será a última oportunidade para vela ou revisitala no Pazo provincial, e coñecer, deste xeito, as súas épocas máis brillantes no ámbito deportivo e tamén as máis difíciles.


Novas relacionadas