Noticias

Carmela Silva inaugura no Pazo Provincial a exposición que celebra os 75 anos do Pontevedra C.F.

O xornalista Xabier Fortes conduciu o acto e fixo unha visita guiada pola mostra, composta por fotografías, trofeos e roupa deportiva de varias épocas do club


10 out 2016
exposición do 75 aniversario do Pontevedra C.F
exposición do 75 aniversario do Pontevedra C.F

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, inaugurou esta mañá no Pazo Provincial a exposición que repasa os 75 anos de historia do Pontevedra C.F. O acto estivo conducido polo xornalista e comisario da mostra, Xabier Fortes, e tamén asistiron a presidenta do club, Lupe Murillo, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a deputada de Deportes, Chelo Besada, e a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, entre outras autoridades e membros da directiva e xogadores do club.

Carmela Silva sinalou que "o Pontevedra C.F. é máis que un club porque representa un sentimento, representa unha afección e leva a cidade de Pontevedra a outros lugares. Os clubs de fútbol son un nexo de unión e de pertenza a unha organización. Por iso son máis que un club: é unha forza que move a toda a cidade de Pontevedra". Sobre o aniversario do club, a presidenta provincial asegurou que "75 anos son moitos anos de historia e dun camiño compartido por distintas xeracións, pero que se xuntaron por manter vivo o club". Do mesmo xeito, Silva lembrou que "cando eu era pequena había unha constante na miña casa, que era a expresión de hai que roelo, e lle tiñamos un cariño especial ao Pontevedra porque eramos conscientes de que o club pasara por situacións brillantes e outras máis dificultosas. Pero estas son as que permiten que se poidan cumprir 75 anos de paixón e de loita por se manter".

Ademais das autoridades, tampouco faltaron á inauguración persoal técnico e xogadores actuais e históricos do Pontevedra, como Eduardo Depena Lis, "Cholo", de quen Carmela Silva asegurou que "non só representa unha etapa brillante do club, senón que tamén representa o que é un grande deportista". Este xogador conta cun módulo monográfico na exposición.

O xornalista Xabier Fortes, que agradeceu á Deputación e a súa presidenta por "ver a necesidade de envorcarse con este aniversario", conduciu o acto e, ao remate –momento no que comezou a soar o himno do Pontevedra C.F. –, fixo unha visita guiada pola mostra na que se recollen fotografías, roupas orixinais da época ou algúns dos trofeos máis sinalados da historia do club.

Pola súa banda, a presidenta do club Lupe Murillo destacou tamén o gran apoio da Deputación de Pontevedra co equipo e o seu compromiso con esta celebración e quixo facer extensivo este agradecemento a todos os membros do equipo, directivos, técnicos e xogadores pero moi especialmente a "Cholo" por representar "os principios e valores do Pontevedra".

Tamén o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, subliñou a importancia do club de fútbol ao que aventurou grandes éxitos e, sobre todo, mostrar ao mundo unha cidade como da de Pontevedra.

Ao abeiro desta efeméride estanse a organizar outros actos, como unha serie de diálogos e coloquios que terán lugar dende mañá e ata o venres no Teatro Principal, e que traerán a Pontevedra e adestradores  como Vicente del Bosque, Jorge Valdano ou o xornalista pontevedrés Manuel Jabois, entre outros. A exposición, na entrada da Deputación de Pontevedra poderá visitarse ate final de ano.

Fotos