Noticias

Máis dun centenar de empresas da provincia participan na formación en liña da Deputación para conseguir ou revalidar o certificado SICTED

A provincia de Pontevedra é o primeiro destino estatal en número de empresas distinguidas, con case 300, e pretende incrementar nun 20 % as empresas certificadas


12 abril 2020
SICTED

A Deputación de Pontevedra formou a máis dun centenar de empresas para que puidesen conseguir ou revalidar o certificado do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED). Deste xeito, o ente provincial aproveita o parón que está a vivir a actividade en sectores coma o turismo ou o comercio para mellorar a súa calidade. Ata o momento, o destino Rías Baixas, con case 300 empresas adheridas ao Plan de Calidade Turística, é o primeiro destino estatal en número de empresas con esta distinción e pretende incrementar nun 20 % as empresas certificadas ao longo do presente ano.

Estas formacións, que sempre se fixeron de forma presencial, desenvolvéronse nesta ocasión a través de Internet e nelas participaron un total de 131 alumnas e alumnos procedentes de 104 das entidades da provincia adheridas. Trátase dunha moi boa acollida por parte das empresas, posto que moitas delas están en procesos de Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) ou teñen traballadoras e traballadores ao cargo de menores ou de persoas da terceira idade e, a pesar destas situacións, implicáronse na realización das accións formativas.

A formación levada a cabo na última semana contou con tres ciclos. Un deles ofertou os módulos Métodos de Enquisado e A Xestión Enfocada ao Cliente. Outro contou cos cursos Claves da Atención ao Cliente. Atención Presencial e Traballo en Equipo, Motivación de Persoal e Liderado. O último deles abrangueu os módulos Claves da Atención ao Cliente. Atención Non Presencial e Guía para a Xestión do Negocio. Ademais, os ciclos avanzados ofertaron tres cursos de formación: Responsabilidade Ambiental en Turismo, Responsabilidade Social Corporativa e Turismo Accesible. As entidades tiveron a obriga de realizar polo menos un destes ciclos avanzados, e algunha delas realizou máis dun.

A estas accións formativas adheríronse establecementos dos concellos de Campo Lameiro, O Porriño, Cangas, Vilaboa, Bueu, O Grove, Meis, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa, Nigrán, A Guarda, Cuntis, Moaña, Cambados, Oia, Poio, Soutomaior, Tomiño e Pontevedra.

A principal finalidade do Plan de Calidade Turística é mellorar a experiencia das persoas visitantes a través da implantación de prácticas empresariais coas que acadar un nivel de calidade homoxéneo dentro do destino. En liñas xerais, a metodoloxía SICTED abrangue tanto os servizos ofrecidos polos compoñentes da oferta turística (hoteis, restaurantes, axencias de viaxes etc.) coma aqueles que, sen selo estritamente, contribúen á formación da experiencia turística do destino. A través do distintivo SICTED acredítase, polo tanto, o esforzo realizado polas empresas e os servizos participantes en relación ao compromiso coa calidade e a mellora continua, á vez que os distingue fronte á competencia.