Noticias

Máis de 700 persoas participan durante esta fin de semana nas excursións do programa "En ruta coa Depo"

Veciñas e veciños de 7 concellos da provincia de Pontevedra realizan visitas guiadas a lugares e monumentos de especial interese e cun alto valor turístico


24 agosto 2018
En ruta coa Depo

O programa "En ruta coa Depo" da Deputación de Pontevedra organiza esta fin de semana 8 novas excursións nas que participan 702 persoas de 7 concellos da provincia. Estas rutas permitirán ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra.

Máis polo miúdo, 108 persoas da Asociación de Veciños O Batuqueiro de Vilariño visitarán o conxunto histórico de Salvaterra de Miño e o parque da Canuda e, en Arbo, o Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea e as pesqueiras do Miño.

Pola súa banda, 54 persoas pertencentes á Asociación de Mulleres Creativas de Quireza poderán coñecer o conxunto histórico de Cangas, a igrexa do Hío, o miradoiro da Costa de Soavella, o Cabo Home, o Cabo Udra e o Museo Massó, estes dous últimos situados en Bueu.

Tamén, 54 persoas do Bando de Reis Airiños da Peneda irán a Silleda para coñecer o castro de Toiriz, o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, a fervenza do río Toxa e algúns escenarios da serie O final do camiño.

Por outra banda, 108 persoas do Centro Recreativo e Cultural de Torroso irán a Meis para visitar o mosteiro da Armenteira, a Ruta da Pedra e da Auga, os muíños do Batán, o monte do Castro e o pazo de Señoráns.

Outras 108 persoas da Asociación de Mulleres en Igualdade de Don Ramiro coñecerán o conxunto histórico de Cambados, o Museo Etnográfico e do Viño, as ruínas de Santa Mariña Dozo, a adega do pazo de Fefiñáns (con degustación) e o Museo Muíño Mareas da Seca.

Por outra banda, 108 persoas da Asociación de Amas de Casa Muíños do Vento irán á Illa da Toxa, farán un paseo en barco pola ría de Arousa (con degustación), ao Grove, ao Museo da Salga e darán un paseo pola zona e polo xacemento da Lanzada.

Outras 54 persoas da ACD Chan do Monte farán a ruta pola illa de San Simón, polo Museo Meirande, por Redondela, polo castelo de Soutomaior e por Ponte Sampaio.

E xa por último, 108 persoas da Asociación de Mulleres Rurais da Torre da Barreira de Riobó irán á illa de Ons e á localidade mariñeira de Portonovo.

"En ruta coa Depo" ten por obxectivo mellorar a participación, a convivencia e a cohesión social dos distintos colectivos sociais da provincia , promovendo a igualdade de oportunidades para os colectivos con diversidade funcional, que antes non podían participar, así como ofrecer alternativas de ocio e tempo de lecer á poboación xuvenil da nosa provincia e promocionar rutas destinadas ás entidades de nais e pais que fomenten a convivencia e o intercambio de experiencias nas que participen activamente as nenas e nenos. O contido do programa consiste en pasar un día de convivencia pola provincia, mediante acompañamento dun ou dunha guía que conte coa habilitación de guía de turismo especializado de Galicia e inclúe xantar e transporte.

No 2017 participaron na iniciativa "En ruta coa Depo" 17.501 persoas pertencentes a 410 entidades da provincia. Para este 2018 foron adxudicadas en total 19.814 prazas, 2.313 máis que no ano anterior.