Noticias

Máis de 300 persoas participan durante esta fin de semana nas excursións do programa da Deputación "En Ruta coa Depo 2019"

Veciñas e veciños Vigo, A Estrada, Illa de Arousa, Cambados e Mos percorrerán recursos turísticos da provincia grazas ao programa da institución provincial


17 maio 2019
En Ruta coa Depo

O programa "En Ruta coa Depo 2019" organiza esta fin de semana 6 novas excursións nas que participarán máis de 300 persoas de cinco concellos da provincia. En concreto serán 322 veciñas e veciños dos concellos de Vigo, A Estrada, Illa de Arousa, Cambados e Mos.

Máis polo miúdo, xa este venres 17 de maio, 53 persoas da Asociación Sindical de Representantes de Comercio de Vigo farán un percorrido por Salvaterra do Miño e Arbo, con visita ao Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea; e 53 persoas da Asociación de Mulleres Rurais San Vicente, da Estrada, visitarán San Simón, o Castelo de Soutomaior, Ponte Sampaio e Redondela.

Pola súa banda, o sábado 18 de maio 54 persoas da Asociación de Mulleres Rurais San Vicente, da Illa de Arousa, percorrerán Lalín, coñecendo o Centro Castrodeza, o Museo Municipal Ramón María Aller, o pazo de Liñares, Museo Galego da Marioneta e Casa do Patrón e 54 persoas da Asociación de Mulleres Rurais de Castrelo "As Saiñas", de Cambados, tamén farán unha visita a San Simón, o Castelo de Soutomaior, Ponte Sampaio e Redondela.

Por último, o domingo 19 de maio 54 persoas da Asociación Sociocultural Malvela, de Mos, realizarán a ruta temática polas camelias señoriais e a ruta das Maceiras, e 54 persoas da Asociación Coral Municipal Polifónica da Illa de Arousa visitarán A Guarda e Tui.

O programa "En Ruta coa Depo 2019" oferta este ano 20.000 prazas e 32 rutas para gozar dun día de convivencia, con xantar e transporte incluídos, por lugares emblemáticos da provincia.  En liñas xerais, a través desta iniciativa a Deputación pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Tamén dar a coñecer os distintos lugares da provincia de Pontevedra, dotar ás asociacións de recursos para promover o envellecemento activo, así como promover os recursos máis importantes das Rías Baixas para que a xente os coñeza, se poida sentir orgullosa deles, coide o medio ambiente e adquira novos valores de respecto ao entorno.