Noticias

Case 20.000 persoas pertencentes a 296 entidades da provincia poderán beneficiarse de "En ruta coa Depo" 2019

Veciñas e veciños de 296 asociacións realizarán visitas guiadas por distintos lugares emblemáticos e históricos da provincia


06 abril 2019
En ruta coa Depo

Este ano, case 20.000 persoas, (19.951), pertencentes a 296 entidades da provincia poderán beneficiarse de "En ruta coa Depo" 2019 que oferta un total de 32 rutas por lugares emblemáticos da provincia divididas en rutas temáticas, rutas culturais, marítimas, rutas adaptadas para persoas con mobilidade reducida, rutas dinámicas e interxeracionais. Esta iniciativa pretende mellorar a participación, a convivencia e a cohesión social dos distintos colectivos sociais, promovendo a igualdade de oportunidades para os colectivos con diversidade funcional, así como ofrecer alternativas de ocio e tempo de lecer á poboación da provincia.

Ademais, o obxectivo deste programa da Deputación de Pontevedra é dar a coñecer os distintos lugares da provincia de Pontevedra, dotar ás asociacións de recursos para promover o envellecemento activo, e tamén promover os valores máis importantes das Rías Baixas para que a xente os coñeza, se poida sentir orgullosa deles, coide o medio ambiente e adquira novos valores de respecto ao entorno. O contido do programa consiste en pasar un día de convivencia pola provincia, mediante acompañamento dun guía que conte coa habilitación de guía de turismo especializado de Galicia e inclúe xantar e transporte.

Deza-Tabeirós

Máis de 1.600 persoas de 24 asociacións da provincia escolleron este ano as rutas polas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes a través do programa "En ruta coa Depo" 2019, que permitirá ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra. Máis polo miúdo, 800 veciñas e veciños de 12 asociacións da provincia poderán coñecer o mosteiro de Aciveiro, en Forcarei; e en Silleda poderán visitar lugares como o castro de Toiriz, o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, e a fervenza do río Toxa. Por outra banda, 800 persoas doutras 12 asociacións visitarán os pendellos de Agolada, o Museo A Solaina de Piloño, a Fundación Xosé Neira Vilas e a igrexa de San Salvador de Camanzo.

Pontevedra, O Morrazo, O Salnés

Máis de 6.850 persoas de 104 asociacións da provincia visitarán as comarcas de Pontevedra, O Morrazo e O Salnés a través do programa "En ruta coa Depo" 2019, que permitirá ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra.

Máis polo miúdo, máis de 700 veciños e veciñas de 10 asociacións visitarán o Parque de Natureza do Río Barosa, en Barro; o miradoiro do val, en Portas; o xacemento da igrexa vella de Santa Comba de Louro, en Valga; e as Torres de Oeste, en Catoira. Tamén, 3.500 persoas de 54 asociacións poderán facer un paseo en barco pola ría de Arousa (con degustación); visitarán a Illa da Toxa; darán un paseo pola zona do Grove, visitando o Museo da Salga e o xacemento da Lanzada. Pola súa banda, outros 850 veciños e veciñas de 13 asociacións poderán visitar o conxunto histórico de Cangas, a igrexa do Hío, o miradoiro da costa de Soavela, o Museo Masó e o Cabo Udra, en Bueu. E, para rematar, 1.800 persoas de 27 asociacións da provincia visitarán a illa de Ons e a localidade mariñeira de Portonovo.

O Condado-A Paradanta

Máis de 700 persoas de 10 asociacións da provincia escolleron as excursións pola comarca do Condado-A Paradanta a través do programa "En ruta coa Depo" 2019, que permitirá ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra. Máis polo miúdo, nesta ruta as veciñas e veciños da provincia visitarán o castelo de Sobroso, en Mondariz-Balneario; e o castro de Troña, en Ponteareas.

Comarca de Vigo

Máis de 3.600 persoas de 56 asociacións da provincia escolleron este ano visitar a comarca de Vigo a través do programa "En ruta coa Depo" 2019, que permitirá ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra. Máis polo miúdo, 1.800 veciños e veciñas de 28 asociacións da provincia visitarán as illas Cíes e o barrio mariñeiro do Berbés en Vigo. Pola súa banda, outras 1.800 persoas de 28 asociacións farán a súa ruta pola a illa de San Simón, o castelo de Soutomaior e Ponte Sampaio, e o Museo Meirande en Redondela.

Comarca do Baixo Miño

Máis de 850 persoas de 14 asociacións da provincia escolleron este ano visitar a comarca do Baixo Miño a través das excursións do programa "En ruta coa Depo" 2019, que permitirá ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra. Máis polo miúdo, nesta ruta as veciñas e veciños da provincia poderán coñecer o castro de Santa Trega na Guarda, o conxunto histórico de Tui, o monte Aloia e o Alto dos Cubos.