Noticias

Máis de 200 persoas participan en Cambados na segunda xornada de "Depo Andainas"

O percorrido polo sendeiro natural da Pastora-Umia, en Cambados, foi un novo éxito do programa organizado pola Deputación de Pontevedra


10 xullo 2017
depo andaina

Un total de 217 persoas participaron este domingo na segunda ruta de "Depo Andainas 2017". A primeira parada desta segunda edición do programa impulsado pola Deputación de Pontevedra fora A Illa de Arousa e nesta ocasión o protagonismo foi para Cambados, co sendeiro natural da Pastora-Umia. Esta ruta, ademais, forma parte do convenio de colaboración asinado entre a Deputación e o Concello de Cambados dentro da posta en valor da elección da vila do Salnés como a Cidade Europea do Viño 2017.

A lúdica xornada comezou ás 09:00 horas coa chegada das máis de 200 persoas participantes nesta actividade de balde que está a ter tan boa acollida. Antes de iniciar a andaina, tódalas persoas participantes puideron coller forzas no miradoiro do Monte da Pastora cun biscoito de chocolate cortesía da organización. Así, a andaina comezou ás 09:30 horas, dividindo ás e aos participantes en dous grupos dependendo do seu nivel. Así, puideron escoller facer a andaina a un paso máis lento, ou facela no grupo rápido, con un ritmo maior. De tódolos xeitos as máis de 200 persoas participantes puideron facer todo o percorrido e visitar os principais puntos de interese do camiño, onde se fixo unha breve explicación de cada un deles. O monte e a ermida da Pastora, as ruínas de Santa Mariña Dozo, a Casa Ricoi (Museo Etnográfico e do viño), a Torre de San Sadurniño, a desembocadura do Umia, espazo natural protexido, e a marisma do Umia foron os lugares de interese.

A actividade rematou pasadas ás 13:00 horas, tras máis de 3 horas e media de andaina, e fíxoo coa degustacións dunhas empanadas que permitiron ás e aos participantes repoñer forzas tras completar os sete quilómetros de percorrido que ten o sendeiro Pastora-Umia.

O programa "Depo Andainas", que vive este ano a súa segunda edición tralo cheo absoluto do ano pasado, cando se esgotaron as prazas, ten por obxectivo impulsar hábitos saudables, promover o turismo deportivo e de territorio, as actividades ao aire libre e poñer en valor a riqueza ambiental, etnográfica, cultural e patrimonial da provincia de Pontevedra.

A próxima actividade de "Depo Andainas" realizarase o 10 de setembro e nela visitarase Vilaboa e as Illas Cíes. De cara a esta terceira xornada do programa da Deputación de Pontevedra as inscricións abriranse o día 28 de agosto. Posteriormente, desenvolveranse dúas rutas máis, unha en Tui co Camiño de Santiago e, en último lugar, a outra en Soutomaior.

Fotos