Noticias

Máis de 1.200 persoas participaron no programa "Depo Andainas 2016"

O programa da Deputación de Pontevedra, que se repetirá o vindeiro ano, ten por obxectivo poñer en valor o territorio da provincia de Pontevedra


12 out 2016

A Deputación de Pontevedra, co obxectivo de poñer en valor o territorio da nosa provincia, impulsou unha serie de melloras no programa "Sendeiros Rías Baixas" para convertelo en "Depo Andainas". Estas melloras introducidas supuxeron o cheo absoluto do programa, cunha participación de máis de 1.200 persoas, esgotando por vez primeira as prazas e obrigando á institución provincial a dobrar a flota de autobuses e a pensar, de cara ó vindeiro ano, en novas fórmulas para atender a alta demanda de "Depo Andainas".

En total, participaron no programa da Deputación de Pontevedra máis de 1.200 persoas que realizaron andainas polos concellos de Campo Lameiro, para visitar a ruta dos petróglifos; Nigrán e Vigo, para percorrer o sendeiro azul e as Illas Cíes; Silleda, para visitar a fervenza de Pazos e o Mosteiro de Carboeiro; e O Grove, para percorrer a ruta dos cons en San Vicente do Mar ata Porto Meloxo.

O éxito da convocatoria amosa o interese suscitado polo programa "Depo Andainas" e os resultados da serie de melloras realizadas no anterior "Sendeiros Rías Baixas". O renovado "Depo Andainas" converteuse nunha actividade gratuíta que impulsa hábitos saudables, promove o territorio e a preservación do medio ambiente da provincia de Pontevedra. Entre as principais novidades do programa encontrábanse desde a propia celebración das rutas, escapando dos días máis calorosos do verán, ata engadir dous autobuses para trasladar aos participantes, incluír as Illas Atlánticas na actividade e impulsar a participación dos concellos. Tamén foron novidades do programa "Depo Andainas" as charlas e actividades medioambientais que se realizaban durante os percorridos e a apertura da participación a aquelas persoas que non empregaban o autobús para desprazarse ata os lugares das andainas. Amais, por vez primeira o programa contaba coa participación activa dos concellos, que se encargaron de promover as rutas, a diferenza do que aconteceu nas edicións anteriores.