Noticias

Máis de 200 persoas participan durante esta fin de semana nas excursións do programa "En ruta coa Depo"

Veciñas e veciños de 4 concellos da provincia de Pontevedra realizan visitas guiadas a lugares e monumentos de especial interese e cun alto valor turístico


10 agosto 2018
En Ruta coa Depo

O programa  "En Ruta coa Depo" organiza esta fin de semana 4 novas excursións nas que participan 216 persoas de 4 concellos da provincia. Estas excursións permitirán ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra.

Máis polo miúdo, 54 persoas da Asociación de Veciños de Santa Apolonia de Guimarei visitarán o castelo de Sobroso, Mondariz-Balneario, os petróglifos de Gargamala (Mondariz) e o castro de Troña (Ponteareas).

Pola súa banda, 54 persoas pertencentes á Asociación de Viticultores de san Martín de Bueu poderán coñecer Illa da Toxa, pasearán en barco pola Ría de Arousa (con degustación), e irán ao Grove, ao Museo da Salga e ao xacemento da Lanzada.

Tamén, 54 persoas de Feafes-Galicia Asociación de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental irán á Illa de Ons e pasearán pola localidade mariñeira de Portonovo.

E xa por último, 54 persoas da Asociación Cultural Nespereira farán a ruta pola illa de San Simón, polo Museo Meirande, por Redondela, polo castelo de Soutomaior e por Ponte Sampaio.

"En ruta coa Depo" ten por obxectivo mellorar a participación, a convivencia e a cohesión social dos distintos colectivos sociais da provincia , promovendo a igualdade de oportunidades para os colectivos con diversidade funcional, que antes non podían participar, así como ofrecer alternativas de ocio e tempo de lecer á poboación xuvenil da nosa provincia e promocionar rutas destinadas ás entidades de nais e pais que fomenten a convivencia e o intercambio de experiencias nas que participen activamente as nenas e nenos. O contido do programa consiste en pasar un día de convivencia pola provincia, mediante acompañamento dunha ou dun guía que conte coa habilitación de guía de turismo especializado de Galicia e inclúe xantar e trasporte.

No 2017 participaron na iniciativa "En ruta coa Depo" 17.501 persoas pertencentes a 410 entidades da provincia. Para este 2018 foron adxudicadas en total 19.814 prazas, 2.313 máis que o ano anterior.