Noticias

Máis de 1.000 persoas participan durante esta fin de semana nas excursións do programa En ruta coa Depo

Veciñas e veciños de 13 concellos da provincia de Pontevedra realizan visitas guiadas a lugares e monumentos de especial interese e cun alto valor turístico


31 agosto 2018
En Ruta coa Depo

O programa En ruta coa Depo organiza esta fin de semana 16 novas excursións nas que participan 1.026 persoas de 13 concellos da provincia. Estas excursións permitirán ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra.

Máis polo miúdo, 216 persoas da Asociación Cultural Amigos da Música de Mougas, da Asociación Veciñal Doutor Fleming e da Asociación Casa Cultural Antorcha, visitarán Arousa, nesta ruta marítima desfrutarán da Illa da Toxa, darán un paseo en barco pola ría de Arousa (con degustación), O Grove, Museo da Salga e paseo pola zona, e xacemento da Lanzada.

Pola súa banda, 108 persoas pertencentes á Asociación de Veciños "O Arbol" e á Asociación Cultural Volandeira poderán coñecer Pendellos de Agolada; Museo A Solaina de Piloño, Fundación Xosé Neira Vilas (pechado os domingos) e igrexa San Salvador de Camanzo, en Vila de Cruces.

Tamén, 216 persoas da Asociación de Mulleres en Igualdade de A Xesta, da Asociación de Mulleres "Intercambio do Saber", da Asociación Cultural "Xeada" e da Asociación Mulleres Rurais e Consumidoras de Trabanca Sardiñeira farán a ruta polas illas Cíes: visitando as illas Cíes e o barrio mariñeiro do Berbés.

Por outra banda, 162 persoas pertencentes á Asociación de Mulleres Rurais Santa Isabel de Escuadro, á Asociación Mulleres Rurais "Avelaiña" e á Asociación Mulleres Rurais A Fátima poderán visitar A Illa de Ons e a localidade mariñeira de Portonovo.

No caso da Asociación de Viudas Demócratas de Vigo, 54 persoas coñecerán a illa de San Simón, o Museo Meirande, Redondela, o castelo de Soutomaior e Ponte Sampaio.

Pola súa banda, 108 persoas da Asociación Veciñal Cultural e Deportiva Alameda visitarán Cambados, Cidade Europea do Viño: Museo Etnográfico e do Viño, ruínas de Santa Mariña Dozo, conxunto histórico de Cambados, adega do pazo de Fefiñáns (con degustación) e Museo Muíño de Mareas da Seca.

Outras 54 persoas da Asociación de Mulleres Rurais "A Nosa Señora do Socorro" poderán coñecer a comarca de Pontevedra, visitarán o Mosteiro de Poio; a igrexa de Augas Santas e fonte medicinal, en Cerdedo-Cotobade; e a praia fluvial, en Ponte Caldelas.  

E xa por último, 108 persoas da Asociación Cultural Irmáns Barcia, coñecerán o Parque de Natureza do río Barosa, en Barro; antiga azucreira, miradoiro do val do Umia e exposición sobre Domingo Fontán, en Portas; xacemento da Igrexa Vella de Santa Comba de Louro, en Valga; e Torres de Oeste, en Catoira.  

En ruta coa Depo ten por obxectivo mellorar a participación, a convivencia e a cohesión social dos distintos colectivos sociais da provincia, promovendo a igualdade de oportunidades para os colectivos con diversidade funcional, que antes non podían participar, así como ofrecer alternativas de ocio e tempo de lecer á poboación xuvenil da nosa provincia e promocionar rutas destinadas ás entidades de nais e pais que fomenten a convivencia e o intercambio de experiencias nas que participen activamente as nenas e nenos. O contido do programa consiste en pasar un día de convivencia pola provincia, mediante acompañamento dunha ou dun guía que conte coa habilitación de guía de turismo especializado de Galicia e inclúe xantar e trasporte.

No 2017 participaron na iniciativa En ruta coa Depo 17.501 persoas pertencentes a 410 entidades da provincia. Para este 2018 foron adxudicadas en total 19.814 prazas, 2.313 máis que o ano anterior.