Noticias

Adxudicadas preto de 1.500 novas prazas do programa "En ruta coa Depo 2018"

Este ano o Goberno de Carmela Silva incrementou o orzamento do programa en 100.000 euros para as 32 rutas que se poñen a disposición das veciñas e veciños da provincia


02 setembro 2018
En Ruta coa Depo 2018

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a segunda adxudicación das prazas do programa "En ruta coa Depo", unha iniciativa que consiste en pasar un día de convivencia pola provincia, mediante acompañamento dunha ou dun guía que conte coa habilitación de guía de turismo especializado de Galicia e inclúe xantar e transporte. Máis polo miúdo, o Goberno de Carmela Silva oferta 1.458 prazas correspondentes a 23 entidades que quedaron na lista de agarda da primeira adxudicación, quenda na que foron adxudicadas outras 19.814 prazas.

Para levar a cabo esta edición 2018, a institución provincial contou cun orzamento de 360.000 euros, 100.000 euros máis que o ano pasado. "En ruta coa Depo 2018", oferta 32 rutas diferentes e ten por obxectivo mellorar a participación, a convivencia e a cohesión social dos distintos colectivos sociais da provincia de Pontevedra, promovendo a igualdade de oportunidades para os colectivos con diversidade funcional, así como ofrecendo alternativas de ocio e tempo de lecer á poboación xuvenil da nosa provincia, e promocionando rutas destinadas ás entidades de nais e pais que fomenten a convivencia e o intercambio de experiencias nas que participen activamente as nenas e nenos.