Noticias

Lalín pecha o Plan Concellos 2018 cunha última achega de preto de 29.000 euros

Con este investimento da Deputación de Pontevedra, o Concello de Lalín vai financiar o peche perimetral da pista de equitación en Mouriscade


27 decembro 2018
Plan Concellos

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, a través dunha Resolución presidencial, unha última achega de 28.681,89 euros ao Concello de Lalín para financiar o peche perimetral da pista cuberta de equitación en Mouriscade, pechando así o Plan Concellos deste ano. No ano 2019 a institución provincial pon á disposición de Lalín ao través do Plan un total de 1.602.560,57 euros, un 4,36 % máis que no 2018.

Máis polo miúdo, o obxecto desta última actuación de 2018 é o peche perimetral da pista de Mouriscade mediante bloque con acabado pintado e, tamén, con portas para o acceso ao interior do recinto das instalacións da pista cuberta, destinada a prácticas de equitación.

Este ano, ao través da Liña 1 do Plan Concellos, Lalín tamén contou co financiamento de obras como a humanización da rúa Wenceslao Calvo Garra, por 223.311,91 euros; a pavimentación e seguridade viaria na SG-V3, por 46.289,65 euros; a reforma da praza da vila, por 319.998,8 euros; a adquisición de terreos para a ampliación do cemiterio municipal da Romea, por 90.000 euros; a adquisición de materiais de mellora e afirmado de camiños, o saneamento en Vilar do Río, por 49.977,02 euros; a mellora da accesibilidade no casco urbano, por 25.778,72 euros; a reposición de beirarrúas e pavimento na rúa Pintor Colmeiro, por 39.646,21 euros; as reparacións viarias no auditorio municipal, por 182.428,17 euros; a adquisición de equipamento para o salón teatro e o auditorio municipal, por 25.607,41 euros; a adquisición de pezas para o Museo Galego das Marionetas, por 20.000 euros; e a contratación da redacción do proxecto da reforma da praza da vila, por 17.545 euros.

No que corresponde á liña 2, a Deputación de Pontevedra destinou 146.252,95 euros e en canto á liña 3, outros 347.097,23 euros que foron destinados á financiación da contratación de 31 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello.