Noticias

Homenaxe en Nigrán ao deporte olímpico e paralímpico da provincia a través da exposición "De Pontevedra a Río 2016"

A mostra, que inaugurou a deputada de Deportes, Chelo Besada, permanecerá aberta ata o día 30 deste mes na casa do concello da vila


19 decembro 2016
De Pontevedra a Río 2016

A mostra fotográfica da Deputación de Pontevedra "De Pontevedra a Río 2016" coa que a institución provincial quere renderlles homenaxe ás e aos deportistas olímpicos e paralímpicos da provincia de Pontevedra que participaron na última edición dos Xogos xa está instalada na casa do concello de Nigrán. A deputada de Deportes, Chelo Besada, e o alcalde de Nigrán, Juan González, inauguraron a exposición na casa do concello; todas as persoas que queiran achegarse a vela neste espazo público poderán facelo ata o vindeiro venres 30.

Chelo Besada asegurou que "nos temos que sentir orgullosas e orgullosos destes e destas deportistas, os nosos veciños e veciñas, que levaron o nome da nosa provincia ata Río 2016", e por iso esta exposición persegue "que os seus nomes non queden no esquecemento tras o seu paso polos Xogos, senón que todas e todos os pontevedreses os lembren". A deputada provincial de Deportes afirmou que "o recoñecemento destes e destas deportistas ten que ser moito maior que o de acadar medallas ou diplomas olímpicos", senón que, afirmou, "todas e todos debemos ser conscientes do traballo e dos valores que representan, do gran esforzo e da importancia que supón xa chegar a participar nun evento destas características".

Esta é a terceira vila da provincia, tras a de Tui e Cambados, que acolle esta mostra itinerante que comezou no pazo provincial o pasado mes de outubro e que seguirá percorrendo durante 2017 diversas localidades da provincia. No Concello de Nigrán permanecerá exposta ata o venres 30 de decembro e o horario de visitas é o de apertura da casa do concello, é dicir, de 8:00 a 15:00 horas.

A exposición recolle o palmarés das e dos 16 deportistas olímpicos e paralímpicos da provincia de Pontevedra nuns paneis individuais nos que se poden comprobar as súas traxectorias deportivas. Os 16 de "Río 2016" son Fernando Alarza Vicente, Juan Antonio Saavedra Reinaldo, Fernando Echávarri Erasun, María Bernabey Avomo, Támara Echegoyen Domínguez, Sebastián Rodríguez Veloso, Rodrigo Germade Barreiro, Martín de la Puente Riobó, María Teresa Portela Rivas, César Neira Pérez, Óscar Carrera Amandi, Gustavo Nieves Campello, Frank Casañas Hernández, Agustín Alejos Alonso, Jean Marie Okutu Kouletio e Susana Rodríguez Gacio.