Noticias

A homenaxe da Deputación de Pontevedra ás e aos deportistas pontevedreses de Río 2016 inaugúrase mañá no Concello de Ponteareas

A mostra poderase visitar na casa do concello desta vila ata o vindeiro 9 de abril


27 marzo 2017
Logo olimpicos

A exposición fotográfica da Deputación "De Pontevedra a Río 2016" segue o seu percorrido polas vilas da provincia. Esta mostra, que lles rende homenaxe ás e aos deportistas olímpicos, por unha banda, e paralímpicas e paralímpicos, pola outra, da provincia de Pontevedra que participaron nas últimas edicións dos Xogos Olímpicos e Paralímpicos, chega á vila de Ponteareas este martes, 28 de marzo, cunha inauguración que terá lugar na casa do concello, ás 12:30 horas e á que asistirán a deputada provincial de Deportes, Chelo Besada, e o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas.

Ponteareas acolle esta mostra itinerante que comezou no Pazo provincial o pasado mes de outubro e que está a percorrer diversas localidades da provincia como Tui, Cambados, Nigrán, Sanxenxo, Lalín, As Neves, Silleda, A Estrada ou Marín. Estas nove vilas xa acolleron unha exposición que ten previstas arredor de 20 paradas ao longo deste ano. No Concello de Ponteareas permanecerá ata o domingo 9 de abril cun horario de visitas de 7:30 a 15:00 horas.

"De Pontevedra a Río 2016" recolle o palmarés das e dos 16 deportistas olímpicos e paralímpicos da provincia de Pontevedra, nuns paneis individuais nos que se poden comprobar as súas traxectorias deportivas. Os 16 de Río 2016 son Fernando Alarza Vicente, Juan Antonio Saavedra Reinaldo, Fernando Echávarri Erasun, María Bernabéu Avomo, Támara Echegoyen Domínguez, Sebastián Rodríguez Veloso, Rodrigo Germade Barreiro, Marín de la Puente Riobó, María Teresa Portela Rivas, César Neira Pérez, Óscar Carrera Amandi, Gustavo Nieves Campello, Frank Casañas Hernández, Agustín Alejos Alonso, Jean Marie Okutu Kouletio e Susana Rodríguez Gacio.