Noticias

Fornelos de Montes presume de praza central tralo remate das obras cofinanciadas pola Deputación cun orzamento de 465.000 euros

Emiliano Lage: "Sen a nova Deputación os concellos pequenos teriámolo moi difícil; ogallá este apoio decidido ao rural continúe moitos anos, porque estas obras, xunto co financiamento regrado, son o xeito de xerar progreso"


16 febreiro 2021
Praza en Fornelos

O Concello de Fornelos de Montes presume dun espazo da máxima calidade urbana, no eixe formado pola praza da Igrexa e a rúa das Escolas, unha vez finalizadas as obras do Plan DepoRemse (Mobilidade Sustentable en vías de titularidade municipal), cun orzamento superior aos 465.000 euros. Os deputados Santos Héctor e Gregorio Agís, acompañados polo alcalde, Emiliano Lage, estiveron hoxe na localidade para pasear pola zona e amosar a súa satisfacción por unhas obras que mereceron o eloxio unánime da veciñanza.

"Só podo dar as gracias. Esta obra era un anhelo de todos e todas", destacou o alcalde. "Sempre quixemos transformar a nosa marabillosa praza central, sen que perdera a súa esencia, para adaptala aos tempos. Foi unha obra moi completa porque tamén soterramos as liñas telefónicas, eléctricas e os servizos de auga e pluviais. Ademais, gracias á Escola de Cantería da Deputación, conseguimos montar a fonte, que estaba nunha esquina, no centro da praza".

Emiliano Lage aplaudiu a política da Deputación no que atinxe ao apoio ao rural. "Sen a nova Deputación, os concellos pequenos teriámolo moi difícil. Así que hai que agradecer o compromiso da institución e da súa presidenta Carmela Silva, que están apostando moi forte polo rural. Ogallá continúe así moitos anos, porque estas obras, xunto co financiamento regrado, son o xeito de xerar progreso e avance no rural".

O deputado Santos Héctor amosou a súa sorpresa polo resultado da transformación da praza e a rúa das Escolas e destacou que queda artellado un núcleo de centralidade ao redor do Concello, o colexio, o parque infantil, o centro social, o centro de saúde e a igrexa. "É unha praza fermosísima, que ademais é o eixe desde o que se prestan moitos servizos públicos, polo que a actuación que aquí se ten feito, para mellorar a seguridade e favorecer os tránsitos peonís, estaba xustificadísima".

O deputado de Cooperación destacou os resultados do Plan DepoRemse, co que a Deputación impulsou un total de 31 obras noutros tantos concellos da provincia, contribuíndo así a colocar á provincia de Pontevedra como unha referencia de calidade urbana. O plan, que contou cun orzamento provincial de 11 millóns de euros, fixo posible que eses 31 concellos acometeran obras en lugares moi senlleiros que hoxe son toda unha escolma do urbanismo amable e pensado para as persoas.

As obras na praza da Igrexa e rúa das Escolas de Fornelos de Montes comezaron pola demolición de barreiras arquitectónicas, como as anteriores beirarrúas, peches e muros desordenados, así como dun depósito de formigón. Executáronse novos espazos para as e os peóns con ancho mínimo de 2,50 metros e muros de pedra ben aliñados e con coherencia estética en todo o perímetro. Soterráronse todos os servizos de abastecemento de auga, pluviais, eléctricos e de telecomunicacións e, finalmente, ampliouse a superficie empedrada con granito. Finalmente, acondicionouse o contorno da escultura do Brigadista e acometeuse a recolocación da fonte para convertela en protagonista da praza.

Curva da estrada de Ventín

Por outra banda, os deputados provinciais e mailo alcalde visitaron as obras, que teñen comezado días atrás para a ampliación dunha pechada e estreita curva situada no p. q. 1+700 da estrada provincial EP-2804, é dicir a vía que comunica o centro de Fornelos coa parroquia de Ventín. Os traballos, cun orzamento de 37.000 euros teñen un prazo de execución de dous meses.

Coas obras en marcha, a curva pasará de contar cunha plataforma de 4 metros de ancho a dispoñer de 7 metros. A empresa contratista xa comezou a facer a escavación no terreo como paso previo para a construción dun muro de contención. Quedará así solucionado o problema de seguridade viaria que afecta á veciñanza, especialmente nos cruzamentos co transporte público e vehículos pesados. Ademais, mellorarase a drenaxe das augas pluviais coa construción dunha nova cuneta de formigón para garantir a conservación e as prestacións do novo pavimento, e renovarase toda a sinalización vertical e horizontal.

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, agradeceu a petición formulada polo Concello de Fornelos de Montes. "Sempre temos disposición para resolver os puntos complicados que quedan na rede provincial de estradas". "Neste caso era necesario corrixir unha curva estreita e pechada, con escasa visibilidade". Agís engadiu que coa ampliación o problema quedará resolto. O alcalde coincidiu en que era unha curva perigosa" e agora queda resolta de marabilla para poder circular con seguridade".

A EP-2804 é unha das catro estradas provinciais que discorren polo concello de Fornelos de Montes. Esta vía ten lonxitude de case 2,5 quilómetros, unha intensidade media diaria de vehículos 241 vehículos/día, segundo o Plan de Aforos da Deputación, e unha porcentaxe de tránsito de vehículos pesados do 2,5 %.

Fotos