Noticias

A Deputación de Pontevedra aborda unha nova mellora na seguridade viaria en Fornelos de Montes construíndo un muro na estrada Berducido-A Laxe


17 marzo 2021
Visita obras en Fornelos de Montes

A Deputación de Pontevedra está a acometer unha nova obra de mellora da seguranza viaria en Fornelos de Montes para corrixir un punto conflitivo na estrada provincial EP-0302 Berducido-A Laxe-A Eiroa. A obra, que conta cun orzamento superior aos 32.000 euros, foi visitada polo deputado provincial de Infraestruturas, Gregorio Agís, xunto ao alcalde do municipio, Emiliano Lage.

As obras localízanse no treito comprendido entre os puntos quilométricos 3+870 e 3+880 e consisten na construción dun muro de contención de 12 metros de lonxitude para salvagardar a seguridade viaria das usuarias e usuarios da estrada provincial e do viario municipal superior. A Deputación decidiu acometer esta obra ao detectar un desprendemento parcial no noiro, de oito metros de altura, provocado por causas meteorolóxicas. O desprendemento afectou tamén a unha pista municipal que transcorre pola parte superior do noiro. Polo tanto, os traballos inclúen o saneo do firme desta pista e a reinstalación da barreira de seguridade da estrada municipal. As obras, que están moi avanzadas, quedarán rematadas nas próximas semanas.

En semanas pasadas, a Deputación xa acometeu unha obra semellante na EP-2804, é dicir a vía que comunica Fornelos coa parroquia de Ventín, aínda que nesta ocasión o obxectivo foi ampliar a sección dunha curva pechada para mellorar a seguridade facilitar o cruzamento con vehículos pesados.

Estas obras recentes súmanse aos máis de 220.000 euros investidos pola Deputación desde o ano 2015 en actuacións de asfaltado, mantemento, sinalización e seguridade, a través da instalación de 12 pasos de peóns sobreelevados e 7 redutores físicos de velocidade no marco do Plan Móvese.

A Deputación de Pontevedra leva investidos máis de 4,5 millóns de euros en Fornelos de Montes desde o ano 2015. Este ano recibe máis de 400.000 euros con cargo ao Plan Concellos para obras en servizos de competencia municipal. A maiores, Fornelos recibiu dúas importantes subvencións para urbanizar o contorno do ximnasio e construír as novas pistas de pádel (Plan de Reequilibrio) e para reformar todo o espazo central ao redor do Concello, a Igrexa e a rúa das Escolas, con cargo ao Plan DepoRemse.